Didácticas 2015-2016

A Cidade da Cultura pon en marcha un programa de actividades pedagóxicas especialmente deseñado para a comunidade escolar. A través das exposicións temporais ou a través do espazo arquitectónico do complexo do Gaiás, o alumnado poderá realizar unha saída formativa que complemente o a actividade na aula.

Co obxectivo de permitirlles aos centros escolares planificar con antelación o seu calendario, avanzamos o programa pedagóxico para este 2015 e o 2016. Recordámoslle aos centros e docentes que as actividades se adaptan a todo o alumnado: ciclo de infantil, primaria e secundaria, bacharelato, ciclos formativos medios e superiores, ciclos de colectivos con diversidade funcional...

1. José Suárez. 13 novembro 2015 – 23 marzo 2016 

A Cidade da Cultura de Galicia achégase aos comezos da fotografía a través dunha das figuras clave da fotografía do século XX: o galego José Suárez (Allariz, 1902-A Guarda, 1974), autor de series fotográficas marcadas polo humanismo e a revolución formal propia das vangardas artísticas. A mostra fará un percorrido pola historia da fotografía pero tamén pola cultura galega, as súas xentes, a intelectualidade de comezos de século e a diáspora.

As visitas didácticas á exposición terán como principal atractivo a experimentación nun laboratorio fotográfico instalado no Museo Centro Gaiás, especialmente deseñado para os escolares. Pódese consultar a Guía pedagóxica da exposición na área de descargas.

2. Historia da indumentaria e o téxtil en Galicia. 11 de marzo 2016 – 11 de setembro 2016

A partir de marzo, a Cidade da Cultura amosaralle ao alumnado o xeito de vestir dos galegos a través da historia. Poderemos comprobar como vestía un castrexo, unha dama medieval, un nobre do século XVIII ou a burguesía do XIX inicio dos XX, ao tempo que asistiremos á evolución do traxe tradicional diferenciando do traxe burgués.

Coas visitas didácticas á exposición propoñemos unha viaxe pola historia a través da evolución da vestimenta e dos obxectos manuais e posterior industria que a favoreceu: desde a agulla neolítica, fusaiolas e pesas de tear castrexo/romanas ou teares tradicionais ata as máquinas de coser contemporáneas. Faremos un especial fincapé na moda galega dos anos 80 e 90, verdadeira etapa de esplendor neste eido en Galicia, e comprobaremos o presente e o futuro da moda galega. Dispoñible a guía de actividades na área de descargas.

3. Visitas ao Bosque de Galicia. A partir do 1 de marzo 2016

O monte Gaiás, no que se atopa a Cidade da Cultura, conta desde 2015 coa nova área verde de Santiago de Compostela: o Bosque de Galicia. Un total de 24 hectáreas, con 6.000 árbores autóctonas e sendas peonís coas que gozar da natureza. 

A partir do 1 de marzo, a Cidade da Cultura convida á comunidade escolar a coñecer este espazo, comprobando as diferentes variedades arbóreas (desde castiñeiros a bidueiros ou frutais), coa posibilidade de realizar un traballo de campo cun álbum de recollida de mostras.

4. Visitas arquitectónicas. Todo o ano.

A Cidade da Cultura, a través dos seus equipos de guías, ofrécelles aos centros escolares a posibilidade de participar en visitas didácticas ao complexo arquitectónico adaptadas aos diferentes niveis educativos. Estas visitas poden ser organizadas como contido único ou ben como unha parte complementaria a alguna das outras actividades didácticas (visitas ás exposicións, Bosque de Galicia, etc). 

 

 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h
6 Abril 2024
Ás 11.30 horas e ás 16.30 horas