Cóntamo con música

Obradoiro experimental no que imos traballar a intelixencia emocional a través da música.

A música forma parte de nós, dos nosos primeiros xogos e dos contos da infancia. Expande os sentidos. Un bálsamo que penetra polo ouvido e pola pel producíndonos todo tipo de emocións: alegría, tristeza, inquietude, excitación, calma... Unha ópera lida móstranos unha historia que nos leva a un estado emocional concreto, a mesma ópera escoitada coa súa orquestración e arias, trasládanos a outros niveis perceptivos que nos permiten captar informacións sutís que doutro xeito nos pasarían desapercibidas.

Neste obradoiro imos experimentar coas nosas emocións a través da música. Para desenvolver a intelixencia emocional é preciso identificar as emocións, as nosas e as dos outros cos que nos relacionamos. Que experimento eu? Que estou vendo que experimentan os outros do grupo? Que está pasando que me fai sentir así? Nesta consciencia aprendemos a expresar e a canalizar as nosas emocións, a fortalecer as relacións de grupo e familiares, aprendemos a elixir as mellores respostas e actitudes fronte ós conflitos que se nos presenten, con sinxelas ferramentas ao noso alcance, como son a escoita, a atención, a empatía, a comprensión, a tolerancia...

Con todo o dito e as experiencias que xurdan neste obradoiro, imos crear unha historia e imos sonorizala, e así vivila dunha maneira máis intensa, máis plena. Será a nosa historia.