Cidade Creativa

O Centro de Emprendemento do Gaiás celebra o vindeiro 30 de marzo Cidade Creativa, un gran networking de emprendedores creativos. Ao longo de todo o día, un total de 50 artistas darán a coñecer os seus traballos a través dunha pequena feira de artesanía e produto, exhibicións e intercambio de coñecementos en vivo.

Cidade Creativa contará cunha pequena feira con pezas de autor, produtos exclusivos e artesáns expertos, ademais dun escaparate de produto no ámbito do deseño contemporáneo, con demostracións en directo. As outras dúas patas de Cidade Creativa serán a galería de arte e deseño, con presentacións de novos proxectos, formatos alternativos e autores emerxentes; e un mercado de nova edición, espazo para as novas propostas e formatos que están a revolucionar o mundo da edición artística, desde os fotolibros aos álbumes ilustrados.

Música en directo, performances, monólogos e ata unha pinchada completarán este día dedicado ao talento creativo galego, no que tamén se facilitará o encontro entre emprendedores para compartir ideas e establecer sinerxías.