BIRDWATCHING

A intervención artística Birdwatching para Reb/veladas na paisaxe parte da sinxela estrutura dos observatorios de paxaros explorando o valor da cabana tanto como refuxio como dispositivo expositivo. A instalación explora ademais a idea de caseta ou cabana desde a intención de construír unha estrutura auxiliar no marco dun contexto arquitectónico monumental. Partindo deste tipo de habitáculos anexos de uso doméstico -moi habituais en Galicia- preténdese establecer un cambio de escala, acoutando un espazo pequeno dentro do macro complexo arquitectónico de Peter Eisenman.

O observatorio tamén actúa á súa vez de gabinete de curiosidades, onde se recollen as achegas textuais e visuais -xa sexan oníricas, descritivas, teóricas ou poética- dos visitantes que desexen deixar a súa colaboración completando as fichas, coma se de pequenas obras de arte tratásense, cargadas de sentido subxectivo pero altamente valioso.

Deste xeito, Birdwatching reflexiona acerca dos recursos expositivos nos espazos museísticos e o uso destes na contorna natural a través das propostas denominadas land art.

COMISARIA : ANXELA CARAMÉS (SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1977)
Licenciada en Historia da arte (USC, 1999) e Doutora en Belas Artes ( UPV, 2016) cunha tese sobre as prácticas curatoriales feministas no Estado Español. Traballa como comisaria e crítica de arte.

Desde o 2006 organizou varios encontros de debate con ciclos de vídeo, e ten comisariado performances, intervencións artísticas na rúa e exposicións. Como investigadora en artes visuais e feminismos publicou artigos en revistas especializadas e catálogos de exposicións, e impartiu conferencias en universidades e museos. Forma parte de Contedor de feminismos e de M- Artech.

ARTISTA: PAUL EDWARD GUY (CHICAGO, 1967)
Licenciado en Belas Artes por Iowa State University. Ames, Iowa. EUA (1989) Vive en Brooklyn, Nova York de 1991-2002 onde traballa e colabora con distintos profesionais, incluíndo Richard Meier and Partners Architects, e o escritor e crítico de arte William S. Wilson nun proxecto expositivo sobre o artista Ray Johnson.

En Galicia de 2003-2017 forma parte do equipo de MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) onde realiza o deseño de montaxe e produción de varios proxectos entre eles ; Gary Hill, Martin Crede, Santiago Sierra ou Ángela da Cruz. É creador do proxecto ARTCLUB, un ciclo de clases sobre a arte contemporánea impartida en inglés e dirixido a estudantes de Bacharelato. Actualmente desenvolve o seu traballo plástico sobre o contido latente nos recursos expositivos empregados na arte contemporánea. Ultimamente, pasa longos períodos de tempo observando paxaros.