Lugín en Compostela, 150 aniversario do seu nacemento

A Biblioteca de Galicia remata a súa programación de mostras bibliográficas deste ano 2020 coa exposición Lugín en Compostela. 150º aniversario do seu nacemento. Despois de achegarnos á prolífica figura de Concepción Arenal, tócalle agora a quenda a Alejandro Pérez Lugín (Madrid 1870 – Culleredo 1926) , ao que curiosamente se lle recorda como autor dun par de novelas de éxito, incluídas nunha produción literaria máis ben escasa, xa que se limitou a 5 novelas.

Aínda que madrileño de nacemento, Lugín e a súa obra máis destacada están indiscutiblemente unidas a Galicia, sobre todo á cidade de Compostela. Fillo de Antonio Pérez Serrano, natural de Cabra (Córdoba), e da santiaguesa María Josefa do Carmen García Lugín e Castro, a súa árbore xenealóxica por parte de nai emparéntao con Rosalía de Castro.

Lugín chega a Compostela en 1886, cando os seus pais se instalan na capital de Galicia para rexentar a camisería “El buen gusto”, situada nunha das esquinas da praza do Toural, centro neurálxico da cidade naquela época. Neses anos é un estudante máis da súa universidade, licenciándose en Dereito no ano 1891. Nos seus anos universitarios comeza unha das facetas profesionais que o identificarán ao longo da súa visa, a xornalística, colaborando co El Pensamiento gallego.

En 1893 volta a Madrid, onde traballa en varios ministerios e na que continúa co seu labor xornalístico, facéndose famoso polas súas críticas taurinas, asinadas co pseudónimo de Don Pío. Haberá que esperar ata 1915 para atopar a Lugín como escritor de novela. Nese ano sae a rúa La casa de la Troya, un auténtico best-seller da época. O autor protagonista desta exposición publicará outras catro obras; dúas delas en vida, Currito de la Cruz (1921) e La corredoira y la rúa (1922); e dúas póstumas, Arminda Moscoso (1928) e La virgen del Rocío ya entró en Triana (1929).

A súa produción literaria defínese por dúas circunstancias, sendo unha delas é o protagonismo de Galicia ou Andalucía como escenario para as súas obras. A outra atopámola na pronta adaptación ao cine que tiveron as súas novelas de máis éxito. Coa súa propia produtora, Troya Films, leva a gran pantalla La casa de la Troya en 1924 e un ano máis tarde, Currito de la Cruz, o que as converte en dúas das longametraxes máis antigas da cinematografía española. En ambas películas tamén asume o papel de director.

 

 

Retrato da vida universitaria de Santiago

O éxito das películas, das que se chegaron a facer varias versións nas décadas seguintes, vai en paralelo a enorme popularidade que alcanzou La casa de la Troya dende a súa primeira edición, non só en España, senón tamén en América, sendo incluso premiada pola Real Academia Española. Co paso do tempo, La casa da Troya veu a ocupar un lugar máis modesto na narrativa española, pero segue a ser unha das obras máis editadas na historia da literatura do nos país.

Ademais de conmemorar o 150 aniversario do nacemento deste autor tan adiantado no seu tempo polo uso do cine como elemento de promoción das súas obras, esta mostra quere poñer en valor a La casa de la Troya como retrato da vida universitaria no Santiago de Compostela de finais do século XIX. A capital de Galicia identifícase co Camiño de Santiago e coa súa Universidade, e sen dúbida ningunha a novela na que todo o mundo pensa cando se fala das peripecias dos estudantes universitarios é La casa de la Troya.

Mostra de 40 pezas
Nesta mostra, que se poderá visitar desde o 21 de decembro ata o 5 de marzo de 2021, están expostas máis de 40 pezas pertencentes todas elas ás coleccións que custodia da Biblioteca de Galicia.

A exposición organízase en torno a 6 vitrinas que tratan de reflectir non só o que conta a novela en si mesma, e que pode resumirse en rapaz e rapaza enamóranse e teñen un final feliz, senón tamén como era o Santiago de Compostela universitario que sirve de escenario a esta historia. Ademais móstranse outros títulos da “literatura de campus”, tradición literaria na que se encadra a obra de Lugín. O visitante tamén poderá achegarse a documentos que mostran o éxito de La casa de la Troya, non só na súa adaptación cinematográfica, senón tamén na súa versión teatral. O fenómeno editorial que supuxo para a súa época a obra de Lugín e a súa pegada noutras obras, tanto de ficción como de non ficción, están tamén presentes nesta mostra de homenaxe a un autor dunha novela que pode definirse como das primeiras “superventas” da literatura española.

 

 

 
Exposiciones
 
2 Oct 2020 - 17 Ene 2021
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Nov 2020 - May 2021
De 9 a 21 horas
6 Nov 2020 - 4 Abr 2021
De 10 a 20 horas
12 Nov 2020 - 7 Mar 2021
De lunes a domingo | De 10 a 20 h