Mentes no labirinto: saúde mental, cultura e inclusión

Nun mundo cada vez máis afectado por problemas de saúde mental, tal e como sinalan indicadores como os da Organización Mundial da Saúde, faise preciso concienciar a sociedade da necesidade de que as persoas que os padecen poidan desenvolverse mantendo relacións persoais, familiares e sociais de forma plena. A exposición Mentes no labirinto: saúde mental, cultura e inclusión achégase a esta problemática para afondar no xeito en que a cultura e a arte se erixen nun importante elemento de inclusión social das persoas, e en particular daquelas persoas pertencentes a colectivos sensibles ou con dificultades especiais.

Mentes no labirinto é un proxecto expositivo do Arquivo de Galicia, coordinado e comisariado por Mar García Miraz e Miguel López Sánchez que, con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos parte do fondo documental que custodia esta institución, legado polo Hospital Psiquiátrico de Conxo. O percorrido que propón a mostra inclúe tamén documentos do antigo Hospital Psiquiátrico de Toén e do seu herdeiro, o Hospital Psiquiátrico de Piñor, e pezas artísticas do proxecto ArtEspida, desenvolvido polo equipo sanitario deste mesmo hospital ourensán que exemplifica como rachar, por medio da arte, cos estigmas e prexuízos ao redor das diagnoses das enfermidades mentais.

Percorrido documental

En total exhíbense preto dun centenar de documentos e unha vintena de obras artísticas de pequeno formato, que inclúen pinturas, debuxo e escultura. Entre as pezas exhibidas destacan historias clínicas que amosan a incidencia que teñen os conflitos bélicos na sáude mental da poboación civil e militar, pero tamén cartas e escritos literarios, debuxos, pinturas ou esculturas realizadas polos pacientes, de grande interese tanto dende o punto de vista diagnóstico, como terapéutico e artístico.

Ao longo de dez vitrinas, as persoas visitantes poden achegarse á historia destas dúas institucións psiquiátricas galegas e, por extensión, á historia do tratamento das enfermidades mentais en Galicia desde finais do século XIX ata a actualidade.

  • Vitrina 1: Hospital psiquiátrico de Conxo
  • Vitrina 2: Goberno e Administración
  • Vitrina 3: Os ingresos
  • Vitrina 4: Guerra e saúde mental
  • Vitrina 5: A Guerra Civil
  • Vitrina 6: Creatividade e diagnose
  • Vitrina 7: Esquizofrenia
  • Vitrina 8: Sífilis, obsesións e adiccións
  • Vitrina 9: A laborterapia no Hospital de Conxo
  • Vitrina 10: De Toén a Piñor. O proxecto ArtEspida