El Gaiás analiza el fútbol como heramienta de inclusión social, dentro de las actividades de 'Valor e mestría'

Santiago de Compostela, 27 de Marzo de 2019

A Cidade da Cultura de Galicia porá o foco no importante valor do fútbol como ferramenta de inclusión social e superación persoal na mesa redonda organizada para o vindeiro 10 de abril, dentro da variada programación de actividades ao redor da exposición Valor e mestría. Galicia como fútbol, que acolle ata o 1 de setembro o Museo Centro Gaiás.

Moderada por Juan Luis Cudeiro, xornalista deportivo de El País, abordarán este tipo de experiencias en equipos inclusivos o responsable técnico do Club Deportivo Lugo, Julián Castaño; a directora da área social da Fundación Real Club Deportivo, Gelines Romero; e, por último, da Fundación Celta Integra será o técnico Alexandre Abalde quen completará os relatos e as historias de superación que conforman estes tres equipos, os únicos galegos que compiten, neste intre, en La Liga Genuine Santander.

Esta competición está organizada por La Liga Santander, e trátase dunha experiencia pioneira no mundo, e está formada por equipos con xogadores con discapacidade intelectual.

Con esta actividade a Cidade da Cultura procura enxalzar as compoñentes afectivas, psicolóxicas, de superación e integración dun deporte que vai máis aló dunha actividade  física ou competitiva. Neste senso, as  persoas con discapacidade que xogan nestes equipos apóianse na práctica deste deporte polos efectos beneficiosos que supón de superación de barreiras e mellora da autoestima, á vez que é un importante instrumento de inclusión social.

A participación nesta mesa redonda é de balde, pero para asistir será necesario facer unha inscrición na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia —cidadedacultura.gal— xa que as prazas son limitadas.

Actividades variadas ao redor de Valor e mestría


Esta xornada dálle continuidade ao programa de actividades que se puxo en marcha para dinamizar e arroupar Valor e mestría, a exposición máis ambiciosa sobre os 143 anos de historia do fútbol galego. Abriuse ao público o pasado 15 de abril, está organizada pola Xunta de Galicia coa Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Federación Galega de Fútbol, La Liga Santander e a Secretaría Xeral de Igualdade.

A primeira das accións deste programa de actividades foi unha mesa redonda sobre o fútbol feminino en Galicia, que contou con Lis Franco, estrela do Karbo,  equipo galego  primeiro en gañar a Copa Raíña Sofía de fútbol; e Teresa Abelleira, capitana do Real Club Deportivo da Coruña feminino, que xoga coa Selección Española de Fútbol.

A seguinte acción deste programa de actividades ao redor de Valor e mestría será durante o mes de maio cuns encontros de escolares de fútbol base con futbolistas da elite. Trátase de xuntar alumnado de centros educativos cun futbolista profesional en horario escolar. O formato será de 3 futbolistas diferentes en 3 días. Contarase para esta actividade coa participación dunha ou dun xornalista deportivo que centrará a conversa no deporte ao longo da vida desde as categorías inferiores, desafíos no deportista adolescente, e as adaptacións ás novas culturas, ás novas realidades e cidades que viven no seu periplo como xogadores.

Homenaxe a clubs pioneiros de Galicia

Valor e mestría tamén se verá dinamizada por unha homenaxe no mes de xuño a clubs pioneiros en Galicia. Para isto, levarase a cabo unha actividade con representantes de destes equipos, que incluirá unha mesa redonda —moderada por un dos comisarios da exposición, Rubén Ventureira— e proxección de imaxes históricas destas formacións.

En agosto, organizaranse na Cidade da Cultura encontros con seareiros e seareiras — provenientes de peñas de equipos galegos— con ex futbolistas profesionais e que son referentes históricos para estas asociacións de afeccionados. Deste xeito, celebraranse na exposición visitas temáticas facendo fincapé na historia de cada equipo e nos obxectos presentes en Valor e mestría relacionadas cos mesmos.

Revivir partidos épicos cos seus protagonistas


Na Cidade da Cultura de Galicia tamén se revivirán fazañas e épicas futbolísticas gloriosas de clubs ao retransmitir partidos históricos como a final da Copa do Rei entre o Dépor-Valencia de 1995 ou Celta-Benfica de 1999, comentados por parte dos seus protagonistas.

Trátase de ver o partido íntegro, para que as e os afeccionados poidan revivilo, pero co gran valor engadido que suporá que os comentarios que se escoitarán mentres se ven as imaxes serán dalgúns dos xogadores que viviron ese momento tan importante para a historia do seu club.

O programa de actividades completarase con xornadas de xornalismo deportivo, nas que se intentará contar cos máximos referentes en comunicación de deportiva; con visitas á exposición Valor e mestría por parte da primeira plantilla dos clubs de fútbol galego; xunto a outras accións que están a ser xestionadas e pechadas neste momento