El Arquivo de Galicia celebra su día con una exposición sobre patrimonio industrial

Santiago de Compostela, 07 de Junio de 2019

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu á inauguración na Biblioteca e Arquivo de Galicia da exposición Patrimonio industrial. Memoria e cultura con motivo da celebración do Día Internacional dos arquivos o vindeiro domingo 9 de xuño.

A mostra constitúe unha selección de documentos procedentes de diferentes departamentos da Xunta de Galicia, da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela, do Banco Gallego ou do fondo da Familia Vilariño Pintos, todos eles custodiados no Arquivo de Galicia e que foron seleccionados para formar parte deste exposición sobre o desenvolvemento industrial na nosa Comunidade.

A través dela, ponse de manifesto como a partir do século XVIII Galicia, que ata aquel momento tiña unha estrutura económica baseada na actividade agraria, experimenta o despegue industrial, propiciado polas ideas da Ilustración e pola apertura de novos mercados, entre outros factores.

Esta compilación de documentos destaca a puxanza de sectores como o da industria conserveira e a construción naval, así como o desenvolvemento das comunicacións. Todos eles factores que contribuíron á creación e sostemento dun tecido industrial diverso en carácter e magnitude. A produción eléctrica e a explotación mineira, así como o crecemento da poboación urbana e a diversificación de bens de consumo completan a configuración da exposición.

Con esta exposición póñense en valor os importantes fondos e coleccións custodiadas nos arquivos de Galicia, e que teñen como finalidade conservar o saber acumulado pola sociedade galega ata os nosos días, facendo dos arquivos un espazo fundamental da preservación da memoria cultural.