Miles de personas gozan de Cidade Imaxinaria Verán en el Gaiás

Santiago de Compostela, 24 de Agosto de 2019

A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia está a celebrar esta tarde de sábado unha nova edición do festival Cidade Imaxinaria, na que centos de familias están a gozar dunha xornada lúdica ao aire libre, con entrada de balde, nun Gaiás convertido nun sorprendente mundo de fantasía, grazas a espectáculos e teatros circenses, con música,  xogos e obradoiros para todas as idades, incluído un espazo para bebés.

Milleiros de persoas están a visitar o incrible circo de bechos xigantes do dr. Mezzo:  converténdose nunha marioneta de carne e óso grazas a un fantástico trebello controlado por dedos mecánicos, e están abraiarse con extraordinarios saltos, voos e  viravoltas que quitan o alento ou compartir danza e risos con tres simpáticos hipopótamos azuis. Estas son só algunhas das propostas que se están a celebrar na Cidade da Cultura da que é xa unha das citas clásicas da súa programación–con dúas edicións anuais celebradas en primavera e verán–.

Na Cidade Imaxinaria, os máis pequenos e pequenas da casa tamén están a gozar de catro horas ininterrompidas de diversión —desde as 16 ata as 20 horas—con malabaristas, equilibristas, saltimbanquis, clowns e outras fabulosas personaxes que invadirán o Gaiás.

Coreografía grupal como fin de festa

A programación de espectáculos de acrobacias, teatro ou marionetas –fixos e itinerantes por todo o complexo– complétase con xogos de enxeño e outros espazos lúdicos pensados para deixar voar a imaxinación da cativada.

Ademais, como novidade desta edición, Cidade Imaxinaria despedirá a tarde cunha multitudinaria coreografía grupal na que todo o público está convidado e participar. Para poder dalo todo na pista de baile, ao longo da tarde estase a desenvolver un obradoiro no que aprender os sinxelos pasos que despois centos de persoas interpretarán de xeito conxunto guiadas por un grupo de bailaríns e bailarinas.

Escola de saltimbanquis e espazo para bebés

A xa tradicional Escola de saltimbanquis da Cidade Imaxinaria non falta tampouco á súa cita co agosto compostelán e está a despregar os seus catro espazos para deixar saír sen medo o intrépido acróbata que todo neno e nena leva dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios.

A programación da tarde complétase cun espazo para bebés de 0 a 3 anos, con diversos xogos e instalacións de estimulación sensorial, e zonas de descanso nas que repor enerxías, con postos de bebida e petiscos doces e salgados para a merenda.

Como vén sendo habitual, e para facilitar que as familias se acheguen a esta tarde festeira, estase a contar cun reforzo no servizo de autobuses –que se suma ás habituais Liñas 9 e 11– que conecta o Gaiás co centro de Compostela.