Más de 23.000 visitas en Navidad al Museo Gaiás

Santiago de Compostela, 09 de Enero de 2020

O Museo Gaiás da Cidade da Cultura superou no Nadal as 23.000 visitas grazas á mostra Galicia, un relato no mundo —primeira grande exposición internacional da Xunta de Galicia para o Xacobeo`21— e ás actividades para público familiar para estas datas, nas que se recreou unha vila máxica elaborada con globos de látex natural e biodegradables, dinamizada con obradoiros de balde e con dous grandes espectáculos: un circense-musical e outro con sete magos internacionais.

Na Cidade da Cultura de Galicia celebrouse nestas festas unha programación específica de carácter familiar e continuouse coa exposición Galicia, un relato no mundo, que desde a súa apertura, o pasado 14 de novembro de 2019, espertou o interese de máis de 25.000 persoas —máis de 13.000 neste Nadal— e rexistrou xa desde a súa apertura a inscrición de 3.000 escolares para asistir ás visitas pedagóxicas, abertas a centros educativos durante as mañás lectivas.

Deste xeito, Galicia, un relato no mundo está a ser a exposición do Museo Gaiás que maior interese está a espertar, ata o momento, tal e como demostran as cifras récord que está a rexistrar nun só día. Nestas festas e, en concreto, na fin de semana do 28 e 29 de decembro alcanzáronse máis de 2.600 visitantes en cada unha destas dúas datas.

 

Nadal no Gaiás

.............................................................................................................
A programación familiar de Nadal no Gaiás estivo aberta ao público desde o 14 de decembro de 2019 ata o 5 de xaneiro de 2020 e conseguiu a participación de máis de 11.100 persoas, o que supón case o dobre da cifra de 6.700 rexistrada nas actividades do pasado ano.

As actividades tiveron como protagonista unha cidade máxica e de conto, creada con máis de 50.000 globos de látex, cento por cento natural e biodegradables. Presidiu esta urbe máxica unha árbore xigante para adornar entre todas as familias e estivo dinamizada todas as tardes con obradoiros plástico-creativos dirixidos á cativada, de balde e sen necesidade de inscrición previa.

O complexo arquitectónico do Gaiás e as súa zonas verdes tamén se tinguiron do espírito de Nadal. Así, os edificios, as rúas exteriores e os espazos naturais da Cidade da Cultura estiveron engalanadas de pequenas luces en forma de planetas e recreando as constelacións do firmamento. Sumóuselle ademais unha árbore lumínica erixida no cumio do monte Gaiás, visible desde o centro de Compostela.

A programación completouse con dous espectáculos familiares que esgotaron todas as súas prazas: o musical circense Orquestra de Malabares —que irmandou a escola Pistacatro coa Banda Unión Musical de Meaño— e gran gala de maxia Galicia Magic Fest, na que o galego Pedro Volta subiu ao escenario do Museo Centro Gaiás a sete magos internacionais, entre os que se encontraba un gran premio mundial como é Norbert Ferré