La Cidade da Cultura pone en valor el trabajor de las 'redeiras' en una exposición fotográfica con motivo del Día de la Mujer

Santiago de Compostela, 04 de Marzo de 2020

A Xunta de Galicia pon en valor o labor das redeiras cunha exposición fotográfica aberta ao público desde hoxe na Cidade da Cultura e que forma parte da programación do Gaiás vencellada ao Día Internacional da Muller, que se conmemora o 8 de marzo.

Redeiras. Unha profesión con historia é unha mostra itinerante da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao que conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade e que xa foi exposta con anterioridade en Cariño, Cangas do Morrazo e Malpica de Bergantiños. Está composta por 25 fotografías, realizadas pola comisaria Xela Rodríguez, que foron tomadas en tres localidades galegas vencelladas ao mundo do mar para reflectir os procesos artesanais deste oficio e para darlle visibilidade o labor das mulleres no sector pesqueiro, ao mesmo tempo que para empoderar este colectivo.

Precisamente, este é o obxectivo da mostra, tal e como coincidiron en sinalar hoxe na súa apertura ao público o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, Verónica Veres.

Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo recordou que durante moito tempo o labor das redeiras resultaba “descoñecido, pouco visible e valorado”. No entanto, salientou que, actualidade, empézase a recoñecer o seu importante papel, grazas á loita das propias traballadoras pola defensa dos seus dereitos. Por iso, incidiu na importancia desta exposición –aberta no Museo Gaiás ata o 12 de abril– para recoñecer a contribución deste colectivo ao desenvolvemento e sustentabilidade no sector económico da pesca.

Finalmente, o titular de Políticas Culturais da Xunta quixo pór en valor programacións culturais como esta, “na que se fai uso da arte como instrumento social” xa que, segundo explicou, “permitir darlle visibilidade a importante tarefa das mulleres neste oficio, á vez que este tipo de recoñecementos supón unha canle de empoderamento”.


Programación no Gaiás polo Día Internacional da Muller

Ademais desta exposición, a Cidade da Cultura completa as súas accións co gallo do Día Internacional da Muller, centrando as visitas comentadas á mostra Galicia, un relato no mundo nas figuras e nas pezas femininas máis destacadas da mostra, como a figura da Santa, do escultor Francisco Asorey, os fitos da escritora Exeria ou da artista La Bella Otero. Serán nas quendas das 17,30 horas desde o vindeiro domingo, día 8, ata o 13 de marzo.

Igualmente, o Arquivo de Galicia, situado no complexo Gaiás, tamén conta cunha programación para celebrar o 8 de marzo cunha nova edición do ciclo de exposicións Mulleres Senlleiras. Nesta ocasión, está dedicada a Concepción Arenal e leva por título: Mulleres sobranceiras. A educación da muller, na que se amosan as publicacións realizadas pola xurista en defensa do dereito ao acceso á educación.

Do mesmo xeito, a Cidade da Cultura fai uso esta semana do prendido por causas sociais das Torres Hejduk do Gaiás e ilumina a transparente coa cor violeta durante todas as noites ata o 8 de marzo, inclusive.