Escenas do cambio 2021 comienza el 20 de mayo con 11 propuesta innovadoras en cuatro días

Santiago de Compostela, 13 de Mayo de 2021

A sétima edición de Escenas do cambio −o festival de teatro, danza e arte en acción da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura− arranca o vindeiro xoves, 20 de maio, concentrando nunha fin de semana longa (ata o domingo 23) un total de 11 propostas escénicas anovadoras, procedentes de cinco países: España, Portugal, Francia, O Reino Unido e O Xapón e para as que xa están as entradas á venda no web www.escenasdocambio.org.

Estes catro días darán a posibilidade de coñecer obras que nunca antes se presentaran en Galicia, en total 10 das 11 propostas. Ademais, suporá a oportunidade de ver por vez primeira en España obras de artistas internacionais, como son a do bailarín xaponés Hiroaki Umeda con Intensional Particle e a do dramaturgo portugués Miguel Moreira, Romeo e Julieta, a partir de Prokofiev. Mentres, outras dúas pezas deste programa serán estreas absolutas: a performance da madrileña Ana Matey e o espectáculo colectivo de danza creado por seis das mellores bailarinas galegas: Nuria Sotelo, Begoña Cuquejo, Kirenia Martínez, Clara Ferrão, María Roja e Paula Quintas.

Precisamente, esta sétima edición consolida a aposta do festival pola danza e tamén polas creadoras e artistas mulleres, tal e como demostra non só a programación, senón a súa nova dirección, a viguesa Lola Correa.

Programa multidisciplinar, internacional e anovador

Completan este programa propostas multidisciplinares como un obradoiro poético de escribir poemas en mistos, impartido por Julio Fer na Fundación Eugenio Granell ou un paseo polas rúas de Compostela co mesmo Robert Walser, nunha peza de Esteban Feune de Colombi e Marc Caellas, creador este último que repite no certame con Suicide notes.

Estas obras amosan a expansión, unha edición máis, da programación de Escenas do cambio desde o complexo Gaiás ao centro de Santiago, ao que se lle suma a representación no Salón Teatro da peza portuguesa Antes, de Teatro Praga, unha orixinal e hilarante proposta que xunta un psicoanalista e un dinosaurio.

A representación internacional tamén inclúe a Francia con El cómo quieres, de Toujours après minuit, unha compañía creada por Brigitte Seth e Roser Montlló Guberna, que son á vez directoras e intérpretes: e do Reino Unido, Psychodrama, a primeira peza colaborativa creada e interpretada polo escritor, actor e músico canadense Christopher Brett Bailey e a compañía de escena experimental Sleepwalk Collective.

Esta programación internacional de Escenas do cambio non eclipsa outros dos sinais de identidade do festival: o de ser escaparate do que está a facer neste intre o sector galego. Así, o festival conta coa peza O deus do pop, de Diego Anido, actor con proxectos en solitario, coma este, pero que ten formado parte do elenco de compañías como a premiada Voadora. E tamén permitirá ver El diablo en la playa, dunha das compañías de Galicia co maior proxección, como é Matarile Teatro, quen ten pechado e anunciado unha produción co Centro Dramático Nacional.

Colaboracións

Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2021 conta con entidades colaboradoras galegas como o Centro Dramático Galego da AGADIC, a Secretaría Xeral de Igualdade, o Concello de Santiago e a Fundación Eugenio Granell, dentro da liña de estender a programación máis aló do Gaiás. Ademais, de fóra de Galicia colaboran o INAEM, o Institut Français, o Institut Ramón Llul e o Instituto Camões.

Toda a información da programación de Escenas do Cambio 2021 está na páxina da Cidade da Cultura de Galicia www.cidadedacultura.gal/gl e tamén na do festival −www.escenasdocambio.org.