O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística veñen sumándose nos últimos anos a esta celebración, contextualizándoa na nosa comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega.
Nesta ocasión, a Xunta de Galicia celebrará o Día Internacional da Lingua Materna cunha actividade de dinamización lingüística que se emitirá en streaming desde a Cidade da Cultura. Trátase de Puño, puñete, de Baobab Teatro, unha orixinal proposta dirixida a nenos e nenas de 1 a 7 anos e ás súas familias, que está orientada a ofrecerlles a estas recursos para cantar e contar en galego cos seus fillos e fillas.
Ao mesmo tempo, combinando as rimas, as cantigas e os contos, convida os cativos e cativas a descubrir un mundo de sensacións e de emocións a partir xogo tradicional “-Puño, puñete, que tes por dentro? -Pan e fermento! -Puño, puñete, que tes por fóra? -Pan e cebola!”.


