Converxencias | Residencia Artística de la Banda Sinfónica Galega 2026

Entre o 8 e o 11 de xullo de 2026, a Cidade da Cultura acolle Converxencias, a V Residencia Artística da Banda Sinfónica Galega, que reúne unha vintena de intérpretes procedentes de diferentes especialidades instrumentais para participar nun espazo de intercambio e aprendizaxe a través do que incentivar a mellora e a excelencia formativa. Ademais do director da Banda Sinfónica Galega, David Fiuza Souto, no encontro participarán tamén como docentes o trompetista Alejandro Vázquez Lamela e o clarinetista Antonio Suárez Saavedra.

Estas xornadas de aprendizaxe culminarán cun concerto de clausura o sábado 11 de xullo ás 17 horas, aberto a todo o público interesado e con entrada de balde. Esta actuación estará protagonizada polas formacións que participan nesta residencia: 

  • Quinteto de vento metal: dúas trompetas, trompa, trombón e trombón baixo.
  • Cuarteto de vento metal: dous bombardinos e dúas tubas.
  • Quinteto de cañas: óboe, clarinete, clarinete baixo, saxofón alto e fagot.
  • Sexteto de vento madeira: frauta, óboe, clarinete, saxofón, trompa e fagot.
  • Formación “Harmoniemusik”: frautín, requinto, dous clarinetes, dúas trompas e trombón.

Esta residencia artística contribúe á divulgación da música galega, achega aos músicos repertorio que difícilmente se interpreta nas bandas populares e potencia a Banda Sinfónica Galega como un conxunto instrumental que defende e promove os valores de todas as bandas de música populares galegas. A Banda Sinfónica Galega é a agrupación que representa á Federación Galega de Bandas de Música Populares e está integrada por músicos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Funciona mediante unha convocatoria pública de carácter bianual e as candidaturas son escollidas por un grupo de mestres de recoñecido prestixio.

Congreso bandístico internacional

Coincidindo en datas coa residencia Converxencias, o Gaiás é ademais unha das sedes do Congreso internacional O Patrimonio Itinerante: Bandas de Música Galegas entre Europa e América, que pretende reunir a musicólogos, directores e intérpretes para trazar non só a relevancia das bandas no devir histórico e cultural de Galicia (desde o século XVIII ata a actualidade), senón tamén co obxectivo de reflexionar sobre medidas de protección que urxe adoptar.

O congreso desenvolverase entre o 9 e o 11 de xullo na Cidade da Cultura e o Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela e terá un carácter inclusivo, destinando unha sección a escoitar integrantes das propias bandas: músicos lonxevos, primeiras mulleres que entraron nas agrupacións, antigos directivos e promotores, etc.

 
Música & Escena
 
2 Jul - 14 Ago 2026
21 horas
15 Jul 2026
A partir de las 20:30 horas