Poesía e arte danse a man nesta nova quenda de Na Biblioteca de Galicia lese poesía. E fano cunha das novas voces da poesía galega, cun universo propio e cativador, Alba Cid, cun dos nosos divulgadores de arte máis coñecidos nas redes sociais, Miguel Cajigal (El Barroquista), que forma parte do equipo do Servizo de Educación, Mediación e Atención ao visitante da Cidade da Cultura.
Alba Cid (Ourense, 31 anos) é a gañadora do Premio Nacional de Poesía Joven ‘Miguel Hernández’, correspondente a 2020, pola súa obra Atlas (Galaxia). O xurado do premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, considerou que a obra constrúe "unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo. É poesía tanto do coñecemento como da emoción, e presenta unha nova cartografía na que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma”. Á súa vez, tamén destacou que é unha obra “escrita coa lóxica do asombro e chea de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica que fermenta en rebeldía”.
Cid é poeta e investigadora en poesía contemporánea. Os seus poemas foron traducidos ao castelán, grego, inglés e portugués, e incluídos en revistas e webs como Asymptote, Enfermaria 6, Kenyon Review, Poem-a-Day ou Words Without Borders. Participou nos volumes Poética da casa (2006) e na antoloxía de Apiario No seu despregar (2016); mantivo un “Gabinete de curiosidades” en Tempos Novos. Tamén forma parte de proxectos interartísticos e ligados ao patrimonio inmaterial como Os danzantes dos Reis (aCentral Folque, 2018) ou Ben Vennas Maio, un disco de Pablo Sanmamed (aCentral Folque, 2020), acompañando en ambos os casos as fotografías de Eutropio Rodríguez.
É colaboradora da Radio Galega e de diferentes revistas, forma parte do consello de redacción de Dorna, fotógrafa e ilustra ocasionalmente. Nos últimos anos, ocupouse do John Rutherford Centre for Galician Studies da Universidade de Oxford.
Miguel Cajigal (El Barroquista) está especializado en arte, museos e patrimonio cultural e conta con máis de 90.000 seguidores en Twitter e outros 20.000 nas restantes plataformas.
Dirixe o Máster de Educación en Museos y Espacios Culturales da Universidade Miguel de Cervantes (Valladolid) e imparte clases e conferencias sobre divulgación cultural nas redes para institucións coma a Universidad de Málaga, o Museo de Almería ou o Consello da Cultura Galega. Colabora como divulgador cultural no programa 'El Condensador de Fluzo' de TVE, no 'Galicia por Diante' da Radio Galega e no programa 'Prensa Escola' do xornal La Voz de Galicia. Forma parte do servizo educativo da Cidade da Cultura de Galicia
