As enxeñosas do fidalgo | Narración musicada con Soledad Felloza y la Banda Municipal de Santiago

As enxeñosas do fidalgo é unha narración musicada coa que a Cidade da Cultura quere sumarse aos festexos ao redor do Día do Libro (23 de abril) e que xuntará no Xardín do Teatro, da Cidade da Cultura,  a Soledad Felloza e a Banda Municipal de Santiago para pór en valor as personaxes femininas de O Quixote: a pastora Marcela, Tareixa Panza, Quiteria, Claudia, etc.

Para amosar a sabedoría e empoderamento destas mulleres intelixentes, Soledad Felloza extrae monológos e intervencións das importantes mulleres da novela de Miguel de Cervantes. Trátase de texos provenientes da primeira tradución ao galego, que realizou Valentín Arias, pai da homenaxeada coas Letras Galegas 2021, Xela Arias, quen formou parte do equipo de filólogos e especialistas.

Trátase dun orixinal espectáculo musical no que os relatos de Soledad Felloza se verán enriquecidos e acrecentados coas interpretacións en directo de partituras de Ferrer Ferrán e Roberto W. Smith, da Banda de Múncipal de Santiago de Compostela, dirixida por Casiano Mouriño.

Biografías

SOLEDAD FELLOZA

Actriz e contadora de historias... fotógrafa, escritora e dramaturga. é unha multidisciplinar artista que traballa dende diferentes perspectivas a comunicación escénica. Directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica desde a súa creación no 2013. Ten actuado en festivais de Uruguai, Arxentina, Chile, Bolivia, Venezuela, Cuba, Alxeria, Perú, Francia, Italia, Portugal, Polonia e Cabo Verde. Participante en campañas de animación á lectura e tamén en  circuítos de artes escénicas do ámbito internacional, ten ampla experiencia na posta en escena de espectáculos para todo tipo de públicos. Docente en obradoiros de teatro en centros penitenciarios da Península, ademais de colaborar en xornais, publicacións literarias e de teatro, é autora de obras infantís como A Cociñeira do rei (OQO, 2015) Premio Europeo de Narración Oral ao Mellor conto para nenas e nenos. Premio 2019 do Ministerio de Cultura ao espectáculo "Las Ingeniosas del Hidalgo". Máis info www.soledadfelloza.com  

 

BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA DE SANTIAGO | Dirección: Casiano Mouriño

É unha das máis antigas de Galicia, xa que naceu en 1848 e perdura nos nosos días. Como centro de formación de instrumentistas, a ela acudiron durante moitos anos os nenos acollidos na Casa Hospicio, paliando en parte as restricións educativas no ámbito musical que sufría a poboación infantil máis desfavorecida e que en moitos casos supuxo un medio de vida para moitos deles. Durante os primeiros anos é unha agrupación de afeccionados, ata que en 1876 o Concello decide facerse cargo dela e comeza a profesionalizarse. Nesa época redáctase un regulamento para o seu funcionamento. Unha das súas actividades máis importantes eran os concertos, denominados paseos, na Alameda ou na Rúa do Vilar, o que supón o traslado da música dos seráns privados a un ámbito público onde poden gozar del cidadáns de todos os estamentos sociais. Actúa tamén nas festas e nas procesións de Semana Santa. Na actualidade realiza os seus concertos no Teatro Principal, Auditorio de Galicia, Praza da Quintana, Praza das Praterías, Alameda e outros lugares e barrios da cidade na temporada de verán. Conta con 37 compoñentes e a súa actividade baséase fundamentalmente nos concertos dominicais ao longo de todo o ano, concertos de verán os xoves e domingos, concertos didácticos en período lectivo nos que participan centos de escolares de Santiago e da bisbarra, intercambios e actos culturais e protocolarios.