Atlántica Festival | Unha aventura singular: O gato con botas

A Cidade da Cultura de Galicia é unha das sedes do festival Festival Altántica  cun conto musicado da man dunha das narradoras orais máis prestixiosas de Galicia, Charo Pita, acompañada pola Banda Municipal de Santiago.

Charo Pita será a responsable de narrar o clásico de Charles Perrault dentro do Festival Atlántica que será musicado con composicións de Franco Cesarino. A narradora estará acompañada pola Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e o seu director, Casiano Mouriño Maquieira. O espectáculo está recomendado para alumnos/as de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria.

A galega Charo Pita naceu á idade de seis anos cando rematou de ler o seu primeiro libro. Leva contando historias de viva voz e impartindo obradoiros de narración oral e lectura en voz alta desde o ano 94, como narradora en solitario, dentro de espectáculos bilingües inglés-galego, ou en sesións nas que se combinan os contos e a música. Como escritora ten máis dunha ducia de libros publicados. Recibiu algúns premios literarios, o premio Espiral Maior de poesía no ano 2001 e no 2018, ou o Manuel Murguía de narracións breves para adultos, entre outros. Este mes de novembro gañou o premio do XV certame de Poesía Erótica Illas Sisargas con O cuarto de Jane. Participou tamén en proxectos musicais e teatrais como na Nena e o grilo no país das apertas xunto a Magín Blanco, en Estamos no verán xunto a Xoán Curiel ou en No país do vento da man de María Faltri e Jorge Juncal

 

A Banda Municipal de Santiago de Compostela é unha das máis antigas de Galicia, xa que naceu en 1848. Nun principio tiña carácter afeccionado, ata que en 1876 o Concello decidiu facerse cargo dela e comezou a se profesionalizar. Na actualidade conta con 37 compoñentes e desenvolve unha intensa actividade de concertos ao longo de todo o ano. O seu director é o pontevedrés Casiano Mouriño Maquieira.