Jorge Amado - 2012

Itabuna, 1912 – Salvador da Bahia, 2001

Novelista, xornalista e memorialista, Jorge Amado é con certeza o escritor brasileiro de maior proxección universal. A súa obra, traducida a preto de cincuenta linguas distintas, e adaptada ao cine, teatro e televisión, mostra un acentuado compromiso social cos desposuídos, condimentado con humor, maxia e sensualidade.

Finalista do Nóbel, entre os seus innúmeros premios e distincións consta o Luís de Camoes e o doutoramento honoris causa por universidades do Brasil, Portugal, Italia, Israel e Francia. 

En 2012 celebramos o seu centenario.

Programa

12:00 | Relatorio: Basilio Losada

Tradutor, crítico literario, ensaísta e narrador, foi o primeiro Catedrático de Literatura Galega e Portuguesa da Universidade de Barcelona. A súa traxectoria intelectual mereceu múltiples distincións, desde o Premio Nacional de Tradución ate a Ordem do Cruzeiro do Sul (Brasil), pasando polo doutoramento honoris causa polo Knox College (EUA). Traduciu cento cincuenta libros a sete idiomas, entre eles varios do xenial bahiano.

13:00 | Jorge Amado no cinema (50')

O iconoclasta cineasta brasileiro Glauber Rocha, galardoado en dúas ocasións no Festival de Cannes (Francia) e artífice do movemento “Cinema Novo”, realizou en 1979 este documental onde plasma a súa particular mirada sobre a vida cotiá de Jorge Amado e a súa dona, Zélia Gattai.

Presenta | José Manuel Sande, responsable de programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

 

 
Letras & Pensamento