TRES FIGURAS DE XABÓN

  • FIGURA DE XABÓN VERDE Nº4
  • FIGURA DE XABÓN VERMELLA Nº5
  • FIGURA DE XABÓN BRANCA Nº6

A proposta de Maria Kulikovska para o ciclo Rebveladas na paisaxe da Cidade da Cultura achega a idea do exilio como un tránsito, onde o exiliado mira ao pasado e busca un futuro, colleitando pensamentos entre ambos os puntos, e resistíndose a darse por vencido.

Partindo desta premisa conceptual, a artista presenta un tríptico: tres “esculturas performáticas”, tres figuras de xabón realizadas con pigmentos naturais como mollos de herbas, seme e sangue, materiais que se transforman, adáptanse ás circunstancias, degrádanse.

As figuras buscan emular unha pequena guerrilla acazapada entre a natureza, a modo de resistencia pasiva, visibles desde o carreiro. Non atacan, non saen ao encontro. Só loitan contra a gravidade para manterse en pé, reflectindo a súa posición ante o conflito de Ucraína, deteriorándose lentamente para lembrar a impredecibilidade da vida.

COMISARIA: ANTÍA CEA (VIGO, 1987)
Formouse en deseño e arte contemporánea na Universidade de Vigo e en Savonia University of Applied Sciences, Finlandia, especializándose máis tarde en xestión de museos e exposicións pola USC. Ao longo da súa carreira, traballou na produción e na coordinación de proxectos expositivos como Eléctrica IC-11 para o Instituto Cervantes de Nova York e About Face dentro do Festival of Ideas do New Museum, e en diferentes organizacións, entre as que destacan A.I. R. Gallery (Nova York, 2010-2011), Non Longer Empty (Nova York, 2010-2011), MARCO -Museo de Arte Contemporánea de Vigo (2014) e Fundación Luís Seoane (A Coruña, 2014-2016). Actualmente reside en Londres.


ARTISTA: MARIA KULIKOVSKA (CRIMEA, 1988)
É artista, arquitecta e activista. Naceu e creceu na cidade de Kerch (Ucraína), onde non pode volver desde a invasión por parte de Rusia en 2014. Maria viuse obrigada a abandonalo todo pola súa actividade como artista, refuxiándose en Suecia. A realidade política de Ucraína e a necesidade de exiliarse levou á artista a posicionarse politicamente nas súas obras, sendo os seus temas recorrentes a decadencia, a resistencia e a crítica ás leis de inmigración. Os seus traballos inclúen performances, actions, happenings, obxectos esculturales e vídeos, e puidéronse ver no Hermitage de San Peterburgo, a Bienal de Venecia 2015 e Saatchi Gallery en Londres, entre outros. Recentemente gozou dunha residencia na Bienal de Liverpool.

 
Exposicións