Programa da sesión
Artello teatro: "Unha de Amor"
[Adaptación da obra "O gato gaiado e a andoriña seña", de Jorge Amado]
O grupo teatral vigués Artello realizará unha adaptación da súa obra "Unha de amor", baseada na obra "O gato gaiado e a andoriña seña", do escritor brasileiro Jorge Amado. Cun grupo de monicreques como protagonistas, a historia contará cunha narración dramatizada a cargo da actriz Marta Ríos.
Os animais que moran nunha pequena vila viven atemorizados pola inquedante presenza dun conviciño díscolo, o Gato Gaiado. A el atribúen os crimes máis arrepiantes e a orixe de tódalas desgrazas que alí acontecen. Coa chegada da Primavera, unha xoven e ousada andoriña consegue o nunca visto: ante o abraio de toda a veciñanza, o Gato Gaiado sorriu. A partir dese momento, desenvólvese unha relación entre o Gato e a Andoriña que convulsiona a esa comunidade.
Tras a peza teatral, os rapaces achegaranse á figura de Jorge Amado a través de actividades lúdicas e educativas nas que se pintará ao escritor, porémoslle música e moitas actividades máis nas que a aprendizaxe e a diversión serán a mesma cousa.
O Autor: Jorge Amado
Itabuna, 1912 – Salvador da Bahia, 2001
Novelista, xornalista e memorialista, Jorge Amado é con certeza o escritor brasileiro de maior proxección universal. A súa obra, traducida a preto de cincuenta linguas distintas, e adaptada ao cine, teatro e televisión, mostra un acentuado compromiso social cos desposuídos, condimentado con humor, maxia e sensualidade.
Finalista do Nóbel, entre os seus innúmeros premios e distincións consta o Luís de Camoes e o doutoramento honoris causa por universidades do Brasil, Portugal, Italia, Israel e Francia. En 2012 celebramos o seu centenario.
