Cela, de poeta a pintor e actor

Antes de que se convertese nun consagrado escritor e Premio Nobel de Literatura, Camilo José Cela amosou interese polas máis variadas disciplinas artísticas: poesía, pintura e ata interpretación. Así se pode comprobar na primeira parte da mostra Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade, que se exhibe no Museo Centro Gaiás ata o 19 de febreiro do 2017.

O primeiro contacto de Cela coa escrita foi a través da poesía. Mais o éxito de La familia de Pascual Duarte convenceuno de que o seu sería a narrativa. “Se acabó el divagar”, indicou o Nobel galego ao remate da súa opera prima, decidido a emprender a súa carreira como escritor.

Mais o camiño para conseguilo foi duro. E a finais da década dos 40, Cela diversificou a súa actividade. A causa: a censura, que durante os anos 46 e 47 non lle autoriza os diferentes manuscritos de La Colmena presentados. Ante a frustración de non ver publicada a súa obra, Cela iniciará diversas empresas: a súa viaxe a La Alcarria (xuño do 46), os primeiros Apuntes Carpetovetónicos (1949), así como unha tentativa de triunfar como pintor, chegando a expoñer na Librería Lino Pérez de A Coruña (1954). “Cela é moito máis pintor escribindo que pintando” diría dos seus cadros o seu colega, o escritor e xornalista César González Ruano.

De todos os paus que tocou Cela, un dos máis sorprendentes é, sen dúbida, o de actor. Canso de que La Colmena non vise a luz, mentres preparaba o envío do orixinal a Emecé Editores de Bos Aires, o escitor embárcarse no mundo do celuloide. Así, o 12 de xaneiro do 1950 estréase no cine Coliseum de Madrid El sótano de Jaime de Mayora, proxecto que viña xestándose desde 1948. Como actor, Cela tamén intervén nas películas Facultad de Letras (1950) de Pío Ballesteros e Manicomio (1954) de Fernán-Gómez. Anos máis tarde, nunha entrevista en TVE, así recordaría Cela a súa experiencia: “Eu fixen tres películas, cada cal máis mala. Cando se rodou Manicomio, veu a miña casa o produtor, que era un señor moi serio, e díxome: Mire vostede, estabamos buscando un actor capaz de comer herba e dar couces e pensamos en vostede. Eu eu contesteille: Home, moi agradecido. Así que eu na película comía herba dun floreiro e despois apoiábame nunha mesa e daba dúas couces ao aire. Pero unha pobre extra non se quitou a tempo e houbo que repetir a escena e buscarlle unha suplente porque quedou moi deteriorada”. Anos despois, e xa convertido nun escritor consagrado, Cela repetiría experiencia grazas a Mario Camus, que contou con el para un pequeno papel na súa adaptación cinematográfica de La Colmena (1982). 

 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 22 de Decembro de 2016