WeddingPack Solidario

WeddingPackSolidario escapa da concepción habitual das feiras de vodas, converténdose no primeiro evento destas características con fins benéficos e un formato orixinal e innovador, baseado no valor humano, a esencia emocional e o compromiso social.

O evento ten como obxectivo dotar de recursos económicos a  Asotrame (Asociación de Transplantados de Medula Ósea de Galicia), para facer realidade o proxecto Arte & Emocións, desenvolto pola especialista en Artes Terapéuticas Rebeca Ponte con pacientes en illamento total por transplante de medula ósea na planta de Hematoloxía do CHUAC e CHUS, sendo o seu propósito levalo a outros hospitais de Galicia e de España.

O evento  WPS destinará os beneficios recadados a apoiar este proxecto, que fusiona arte e saúde e busca humanizar a sanidade.

Asotrame é unha asociación sen ánimo de lucro e declarada de interese público que ten como obxectivos:

  • Apoiar aos pacientes de cancro  oncohematolóxico e aos seus familiares,
  • Informar e sensibilizar sobre a doazón de medula ósea,
  • Colaborar en proxectos de investigación contra o cancro.

O Proxecto A&E baséase nunha metodoloxía  arteterapéutica, achegando beneficios como o tratamento e expresión das emocións ou o desenvolvemento de novas habilidades. Trátase dun proxecto supervisado polo Comité de Ética do Paciente e polo Departamento de Calidade do Sergas no CHUAC A Coruña e no CHUS Santiago, onde leva realizándose desde 2019.