Visitas didácticas | O Camiño Portugués

Neste segundo trimestre do curso escolar 21-22, dende o Gaiás propoñémosvos un programa didáctico arredor da exposición O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, que inclúe visitas presenciais e en liña á exposición, así como unha divertida actividade didáctica (tamén presencial) pensada para alumnado de primaria.

Este proxecto expositivo retrata as realidades e paisaxes que conforman os itinerarios do Camiño Portugués, do Porto a Santiago de Compostela, nun diálogo entre a fotografía do pasado e a do presente. A exposición percorre o trazado desta ruta xacobea a través da fotografía do último século e medio e ofrece a oportunidade de que o alumnado de diferentes niveis educativos coñeza as particularidades históricas, culturais e etnográficas deste recanto noroccidental da Península que Galicia comparte con Portugal.

O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra tamén nos permite achegarnos á fotografía como forma artística, transformada en linguaxe universal na nosa sociedade actual. Creadores dos dous lados da Raia amósannos os cambios que o tempo foi deixando nas nosas vilas, cidades, paisaxes e tradicións, desde unha ollada clásica a unha contemporánea, o que nos permite tamén comprobar que cousas mudaron e cales perduraron no tempo. As actividades propostas permitirán aos grupos escolares tomar conciencia do papel chave do territorio como parte do noso patrimonio común, e do valor da expresión artística para retratar os lugares e grupos humanos que conforman os diferentes lugares que percorre este Camiño Portugués. Para isto, ofértanse tres modalidades de visita:

Presencial: Visita comentada á mostra

Percorrido xeográfico pola exposición no que descubrir as fotografías de grandes artistas de Galicia e Portugal dedicadas á paisaxe, territorio, xentes e contornas das diferentes rutas do Camiño Portugués, entre Porto e Santiago de Compostela.

— Para alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP.

Presencial: Actividade didáctica 'Sigue o teu Camiño'

Esta actividade procura que a cativada simule a experiencia de estar viaxando por diferentes lugares, facendo o Camiño Portugués sen saír das salas do museo. Dividido en varios grupos e tras unha explicación sobre a mostra, o alumnado deberá procurar nas fotografías da exposición as respostas a unha serie de preguntas. Por cada pregunta acertada, obterán un selo inspirado nos que peregrinos e peregrinas van recompilando ao longo do Camiño cos que poderán completar a súa 'credencial' xacobea.

— Para alumnado de Primaria.

En liña: Visita comentada á mostra

Grazas ás posibilidades da tecnoloxía "viaxamos" virtualmente aos principais lugares do Camiño Portugués retratados na exposición, que o alumnado percorrerá da man do noso equipo de guías, conectándose co Museo Gaiás a través de videoconferencia.

— Para alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP.

 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h
6 Abril 2024
Ás 11.30 horas e ás 16.30 horas