Pequefilmes 2020

O mellor cine miúdo volve ao Gaiás na cuarta edición de Pequefilmes. Toda unha fin de semana de proxeccións, votacións, premios do público e obradoiros cos que dar resposta á demanda dun público pequeno en tamaño pero grande en esixencias.

Durante os días 18 e 19 de xaneiro de 2020, o Museo Centro Gaiás ofrecerá unha emocionante e amplísima escolma das mellores producións internacionais actuais para a cativada, moitas delas premiadas e seleccionadas nos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo (Annecy, Clermont-Ferrand, Chicago ICFF, Animamundi, Animafest, Dresdner Kinderfilfest...).

  • 3 seccións que abarcan todas as etapas da infancia: Vagalumes (dirixida a nenos e nenas de 0 a 3 anos), Miñocas (+3 anos) e Fanecas (+7 anos).
  • Preto dun cento de curtas internacionais de 27 países.
  • 34 sesións: 20 de concurso (Fanecas e Miñocas) e 14 fóra de concurso (Vagalumes e Carta Branca –selección de curtas de Clermont-Ferrand e do CEIP do Camiño Inglés–). 

 

PREMIOS PEQUEFILMES 2020

Os nenos e nenas, ademais de espectadores, son o xurado do festival e a súa ollada crítica e as súas valoracións son as que determinan os premios do público aos mellores traballos exhibidos nas seccións Miñocas e Fanecas. En Pequefilmes 2020 as curtas The Kite, unha historia sobre a despedida dun ser querido realizada en stop motion e estreada na Berlinale 2019, e O 28, a hilarante aventura dun tranvía fóra de control polas rúas de Lisboa, foron as dúas fitas elixidas como vencedoras das seccións Fanecas (+7 anos) e Miñocas (+3 anos).

   
 The Kite. Premio Fanecas Pequefilmes 2020  O 28. Premio Miñocas Pequefilmes 2020

 

PROXECCIÓNS DE CURTAS POR IDADES

En Pequefilmes os nenos e nenas, ademais de espectadores, son o xurado do festival. A súa ollada crítica e as súas valoracións son as que deciden á hora de conceder os premios do público aos mellores traballos exhibidos nas seccións Miñocas e Fanecas. 

OBRADOIROS DE CREACIÓN CINEMATOGRÁFICA

Xunto ás proxeccións, Pequefilmes ofrecerá tamén obradoiros nos que toda a familia compartirá a aprendizaxe de técnicas e conceptos fundamentais no proceso de creación cinematográfica e na animación. Uns coñecementos que poderán seguir desenvolvendo posteriormente nos seus fogares para divertirse creando xuntos pequenas películas en familia. 

  • Obradoiro de Toy Play: Para nenos e nenas de 4 a 12 anos. Sesións en horario de mañá e tarde. 12 prazas por sesión.
  • Obradoiro de hologramas: Para nenos e nenas de 4 a 12 anos. Sesións en horario de mañá e tarde. 6 prazas por sesión.

Os obradoiros terán unha duración de 45 minutos e están pensados para nenos e nenas a partir dos 4 anos de idade en dous grupos -de 4 a 8 e de 9 a 12 anos-, que deberán estar acompañados dunha persoa adulta (as persoas adultas acompañantes non pagarán entrada).