Os espazos naturais do Gaiás

Percorrido polas zonas verdes do Monte Gaiás para descubrir dun xeito exprés das máis de 40 Ha de zonas verdes que rodean o complexo arquitectónico, coñecer a súa fauna e a súa flora e deternos nos principais aspectos medioambientais asociados a estes espazos naturais ou recuperados.

Saíndo do Museo Centro Gaiás, achegarémonos brevemente ao Xardín Literario para a continuación percorrer parte dos sendeiros do Bosque de Galicia, o gran pulmón verde do monte, con once mil árbores de especies autóctonas (carballos, castiñeiros, bidueiros, espiños, pradairos, abeleiras, érbedos, freixos, faias…), que incrementa a biodiversidade da zona e mellora o metabolismo ambiental de Santiago, ao tempo que contribúe a integrar a Cidade da Cultura en Compostela.

Coñeceremos o 'horto solar' do complexo e as zonas de lecer infantil do Bosque de Galicia e o Parque da Balea, para rematar o percorrido a carón do Xardín do Teatro, con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques e áreas de lecer para gozar do deporte e da natureza.


Medidas de seguridade sanitaria poscovid-19

  • Obriga de vir con máscara de protección por parte das persoas asistentes.
  • Haberá xel hidroalcólico na entrada do recinto.
  • Manterase en todo momento a distancia de seguridade.
  • Deberán seguirse en todo momento as indicacións do persoal guía da visita.