Nadal no Gaiás 2019

Vinde gozar dunha cidade máxica e de conto! A maxia do Nadal apoderarase literalmente da Cidade da Cultura e fará que gocedes durante estas festas dunha pequena grande urbe de conto, ateigada de personaxes e figuras creadas con globos e obradoiros ao acubillo do Museo Centro Gaiás. Non faltará a árbore xigante que tanto vos cativou o pasado ano e que volve agardar ansiosa pola vosa participación para pendurar en familia regalos e bos desexos para o ano que entra.

PEQUENA GRAN CIDADE DE CONTO

Multitude de casiñas de cores, figuras e personaxes creados con globos, renos, bastóns de caramelo, trasnos, farois, varios personaxes carismáticos e moitas luces recrearán un pequeno mundo, onde a cativada e a que nunca deixades de selo vos sintades protagonistas dun verdadeiro conto de Nadal. 

OBRADOIROS

Neste espazo, a cativada contará con diferentes tipos de obradoiros, tamén de balde, para que pequenos e pequenas cren e elaboren por eles/elas mesmas (axudados e guiados sempre por monitores) os adornos que colgarán na xigante árbore de Nadal. Ademais, tamén contará cun espazo de creación libre para que deseñen como lles pete! a postal de felicitación destas festas.

14 de decembro | CIRCO: ORQUESTRA DE MALABARES

A música tamén terá tinguiduras de maxia, neste caso da do circo! Así, o 14 de decembro ides abraiarvos coa danza área dos malabaristas de PistaCatro nun fermoso diálogo coa banda Unión Musical de Meaño, que ides querer ver cos vosos propios ollos!  

28 de decembro | GRAN GALA DE MAXIA: GALICIA MAGIC FEST

E non pode haber mellor alfi­nete de ouro a unha programación temática como esta que despedir estas festas coa Galicia Magic Fest, de Pedro Volta. O sábado 28 de decembro temos argallada unha gran gala con sete magos chegados de todos os recunchos do mundo, entre os que se atopará un gran premio mundial como é Norbert Ferré.

Ata o 22 de decembro | CONCURSO INFANTIL DE POSTAIS DE NADAL 

O 28 de decembro será tamén a data na que daremos os premios a Mellor Postal Nadal no Gaiás deste ano, polo que xa poden ir bulindo os grandes pequenos e pequenas artistas da casa a enviárnola súa antes do 22 de decembro (incluído). Só lles pedimos aos vosos pequechos e pequechas, que nelas vaia a árbore de Nadal que lle gustaría para ter unhas festas máxicas e de conto, como as do Gaiás. Agardámolas e agardámosvos!