Mar de Crebas

Conectado co Land Art, o modernismo de Gaudí ou a arte Povera, Mar de Crebas da artista emerxente Alejandra Sampedro explora a idea de pegada e memoria como resto arqueolóxico. Un acto de resistencia onde pequenos fragmentos esquecidos funcionan como unha posible prolongación do obxecto e do suxeito ao que puidesen pertencer. Crebas que gardan a memoria dunha vida e dunha orixe incerta. 

Formado por obra fotográfica e escultórica, Mar de Crebas funciona como unha crítica ao mundo consumista e ao esquecemento, optando por unha actitude de rescate de algo que nun principio foi despoxado de todo valor económico. As pezas escultóricas –compostas coas crebas ou despoxos que cuspe o mar- xorden como unha masa informe que pretende cobrar vida, mentres que as fotografías son pezas artísticas que funcionan como elementos de localización xeográfica e conceptual.

Esta nova intervención nas Torres Hejduk ten un forte arraigo nos mitos relacionados coa etnografía galega e a cultura mariñeira, centrada na idea de naufraxio provocado polo monstruo mariño.

As redes de cores que cubren as Torres Hejduk emulan o faro vello de Cabo Silleiro, onde o avó da artista traballou como fareiro e onde aparecen moitos recordos da infancia. Un lugar misterioso, cheo de lendas relacionadas con naufraxios e estranos sucesos, ademais de albergar unha vella batería militar e o antigo vertedoiro de Baiona, onde as crebas cerámicas e de porcelana chegan desde orixes tan dispares como Alemaña, Francia, Portugal, China ou Galicia, e o mar as devolve perfectamente pulidas en multitude de formas e cores.

Unha viaxe ao mundo da pesca e do mar, nun contexto de animais fabulosos e monstruos mariños que enchen de maxia a contorna do Gaiás, reforzando sensacións coa luz instalada no corpo superior da Torres Hejduk que se encenderá intermitentemente na noite.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h