Detrás do espello. Galicia na obra de autores foráneos do século XX propón unha visión de Galicia a través da ollada de 50 recoñecidos nomes das artes, a ciencia ou o pensamento do último século e medio, homes e mulleres relevantes na historia da cultura universal que afondaron na realidade galega ou se deixaron inspirar por ela.
Ao percorrer a exposición atoparemos a pegada de Galicia na vida ou na obra de García Márquez, Albert Einstein, Miles Davis, Ernest Hemingway, Luis Buñuel, Federico García Lorca, Julio Cortázar, Mike Oldfield, David Chipperfield, Anna Turbau ou Isabel Coixet, entre outros.
O proxecto está comisariado polo xornalista e xestor cultural Xosé Luís García Canido e polo escritor, músico, produtor e director audiovisual, Antón Reixa, recoñecido pola súa faceta de cantante e letrista de Os Resentidos e por ter formado parte do Grupo de Comunicación Poética Rompente nos 70. Reixa foi ademais distinguido en 2021 coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes.
