Reb/veladas na paisaxe vibiliza a presenza da muller na arte a través de intervenciós nos espazos naturais do Gaiás

Santiago de Compostela, May 24 2018

A Cidade da Cultura de Galicia inaugurou hoxe Reb/veladas na paisaxe, un novo ciclo de intervencións artísticas nos espazos verdes do Gaiás co que se procura non só a posta en valor das súas zonas naturais —Bosque de Galicia e Parque do Lagosenón tamén darlle visibilidade á presenza da muller na arte contemporánea, incorporando unha perspectiva de xénero que reflicta a diversidade no ámbito creativo.

Para afianzar esta cerna convidouse, nesta primeira edición, a tres comisarias galegas —Chus Martínez Domínguez, Anxela Caramés e Antía Cea García— a que escolleran artistas cos que lles apetecera botar andar este ciclo e elixiron a Beatriz Lobo (Vigo, 1985), Paul E. Guy (Chicago, 1967) e Maria Kulikovska (Crimea, 1988), respectivamente.

As tres intervencións teñen en común o convite a unha andaina artística que impulsa a descuberta e a experimentación dos camiñantes, a través da propia interacción coas instalacións. Así, o Merendeiro de Beatriz Lobo, no Parque do Lago, procura ser un incentivo socializador popular; Birdwatching de Paul E. Guy, no Bosque de Galicia, tamén apela á colaboración do/a visitante para que aporte as súas achegas nunha sinxela estrutura de observatorio de paxaros; mentres que, no mesmo espazo natural, as tres figuras de xabón de Maria Kulikovska están acazapadas como un xeito de resistencia pasiva, pero visibles para o visitante desde o sendeiro. Desta forma, pretende afondar no exilio forzado, que a artista viviu en primeira persoa, ao fuxir a Suecia en 2014 despois de que un grupo terrorista ocupase un centro de arte onde ela expoñía en Crimea e ameazase a todos os artistas que exhibían alí a súa obra.

A inauguración contou co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, que situou a Reb/veladas na paisaxe como un “ciclo de referencia”, tanto para a “visibilidade e recoñecemento” da creación feita por mulleres, como de intervencións artísticas en espazos naturais.

Precisamente, o titular de Cultura salientou a importancia deste novo ciclo para “potenciar” as zonas verdes e espazos naturais da Cidade da Cultura, “engadindo un novo valor cultural e de lecer para Santiago e Galicia”. Mais, sobre todo, remarcou a relevancia de Reb/veladas na paisaxe para recoñecer ás profesionais galegas o “importante papel” que xogan na creación contemporánea.

Nova ruta artística
En Reb/velas na paisaxe as rutas peonís conducen o visitante/camiñante a estas intervencións artísticas. “Desta forma, establécese unha nova ruta ao Gaiás, atractiva e cargada de significados culturais”, valorou o conselleiro de Cultura, que explicou que a liña argumental das propostas é a creación dun “novo camiño/itinerario” que relaciona o marco natural coas dúas cidades (ao do Gaiás e a histórica) e tamén coas rutas de peregrinación.

Ao respecto, Román Rodríguez lembrou que monte Gaiás é unha “atalaia estratéxica” entre o Camiño Francés e a Vía da Prata, conectada en breve coa principal vía de comunicación galega norte-sur; a autoestrada do Atlántico.

“Convido polo tanto a peregrinos e visitantes e, por suposto, a todas as galegas e galegos a que se acheguen ao Gaiás e coñezan estas intervencións, que relaciona arte e territorio alén do marco espacial dun museo”, concluíu o conselleiro na súa intervención.

Merendeiro

A intervención artística de Beatriz Lobo, comisariada por Chus Domínguez Martínez, está baseada na realización in situ dunha mesa de pedra, cos seus respectivos bancos, dispostos entre o mobiliario presente neste territorio co fin de articular un novo espazo dentro do xa existente. Estes novos elementos están realizados coas pedras sobrantes ─cuarcita, lousa, granito...─  da edificación da Cidade da Cultura.

A instalación, localizada no mesmo espazo para o lecer e o descanso que existe no Parque do Lago, ten unha morfoloxía semellante a un diagrama sectorial, cunha mesa gráfica central articulada en porcións, e que responde a variables que son mostradas no conxunto da propia peza. A relación espacial e conceptual que establece co público activa unha experiencia vital que procura, por unha banda, converterse nun incentivo socializador popular, á vez que, por outra, se permeabilice coas raíces da memoria.

Birdwathcing

A instalación do norteamericano Paul E. Guy propón unha sinxela estrutura dos observatorios de paxaros explorando así o valor da cabana, tanto como refuxio como dispositivo expositivo.

A intervención, comisariada por Anxela Caramés, afonda ademais na idea de caseta, desde a intención de construír unha especie de estrutura auxiliar no marco dun contexto arquitectónico monumental, como é a Cidade da Cultura. O observatorio tamén se converte, á súa vez, nunha especie de gabinete de curiosidades, onde se recollen as achegas textuais e visuais —xa sexan oníricas, descritivas, teóricas ou poéticas— dos visitantes que desexen deixar a súa colaboración completando unha serie de fichas, como se tratasen de pequenas obras de arte, cargadas de sentido subxectivo, pero altamente valioso.

Figuras de xabón de cores

A proposta de Maria Kulikovska para a Cidade da Cultura achega a idea do exilio como un tránsito. Nestas pezas o exiliado mira ao pasado e busca un futuro, colleitando pensamentos entre ambos os puntos, e resistíndose a darse por vencido.

Partindo desta premisa conceptual, a artista presenta un tríptico: tres ‘esculturas performáticas’ de xabón realizadas con pigmentos naturais como mollos de herbas, seme e sangue, materiais que se transforman, adáptanse ás circunstancias, degrádanse. As figuras buscan emular unha pequena guerrilla acazapada entre a natureza, a modo de resistencia pasiva, visibles desde o carreiro. Non atacan, non saen ao encontro. Só loitan contra a gravidade para manterse en pé, reflectindo a súa posición ante o conflito de Ucraína.

Apeiros de labranza para a sinalización

Reb/veladas na paisaxe contou co estudio Cenlitrosmetrocadrado para levar a cabo o sistema de sinalización para esta nova andaina creativa que percorre o Bosque de Galicia e o Parque do Lago.

O modelo elixido caracterízase, ademais de pola súa incuestionable funcionalidade, pola súa orixinalidade, á vez que a súa axeitada integración no territorio, xa que as infraestruturas emulan a un apeiro de labranza, o que lle confire tamén un carácter pouco invasor.

Visitas comentadas coas comisarias/artistas

As intervencións de Reb/velas na paisaxe poderán verse ata o 21 de outubro e contarán con visitas comentadas  todos os venres ás 20 horas, de balde e sen necesidade de inscrición. Tamén están pechadas visitas guiadas cos propias comisarias e artistas. A primeira delas será mañá venres, ás 20 horas, con Antía Cea e Maria Kulikovska; seguiralle 1 de xuño a instalación do Merendeiro, coas explicacións de Chus Martínez Domínguez e Beatriz Lobo, comisaria e artista, respectivamente; e o 15 de xuño será a quenda de Birdwatching na que participan Anxela Caramés e Paul. E. Guy.

Estas actividades e máis información polo miúdo do proxecto, recolleuse na páxina web da Cidade da Cultura —www.cidadedacultura.gal— a partir da inauguración o 24 de maio.

DESCARGAR IMAXES E MATERIAL DA INAUGURACIÓN