Safari Verde e Picnic musical para recibir o outono

Safari de Outono
Santiago de Compostela, 14 de Setembro de 2016

A Cidade da Cultura dálle a benvida ao outono coa celebración dunha xornada para gozar en familia. Será o 24 de setembro cando nenos e maiores exploren o Bosque de Galicia para despois bailar ao son dos ukeleles da Ukestra do Medio nun Safari de outono que terá entrada libre e de balde.

A xornada arrancará ás 16:30 horas cunha divertida xincana coa que descubrir a flora do Bosque de Galicia. As familias deberán seguir as pistas, estudar os planos e superar as probas agochadas polas sendas do Gaiás ata localizar o maior número de plantas posibles das indicadas no mapa.

Cada familia deberá levar un teléfono móbil ou cámara dixital para sacarlle unha foto ás plantas atopadas. Os mellores exploradores, ademais de descubrir as súas propiedades, usos, ditos ou refráns, recibirán un agasallo. A actividade ten prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse previamente e de balde aquí.

Entrada de balde

E tras o Safari Verde, a Cidade da Cultura convida a un Picnic Musical no edificio CINC no que poder merendar ao son da Ukestra do Medio. Ataviados cos seus pequenos ukeleles, os músicos da Ukestra do Medio levarán ao seu terreo pezas dos máis diversos estilos: de clásicos do rock'n'roll, country, swing ou pop a cancións tradicionais galegas, fados, cumbias tangos ou bossanovas. Mentres, grandes e pequenos poderán estirar os seus manteis e saborear cada un a súa propia merenda. A entrada é libre ata completar aforo.