Rodrigo García pecha este mércores Escenas do Cambio

Santiago de Compostela, 13 de Febreiro de 2017

Rodrigo García, autor de obras irreverentes e “textos que estalan como bombas’, será o encargado de pechar este mércores, 15 de febreiro, Escenas do Cambio. Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción da Cidade da Cultura. Será cunha das súas obras cumio: Muerte y reencarnación en un cowboy, que terá lugar ás 20:30 horas no Museo Centro Gaiás.

Tras quince días coas propostas máis actuais do teatro contemporáneo, Escenas do Cambio despídese cun dos grandes nomes da nova escena. Creador atípico que conxuga nos seus espectáculos elementos do pasado e da cultura popular de hoxe, Rodrigo García elabora xunto a súa compañía La Carnicería Teatro unha linguaxe teatral sorprendente que recolle as ideas e as emocións que axitan á nova xeración teatral.

En Muerte y reencarnación en un cowboy, Rodrigo García presenta o desafío de vivir no abismo de cada instante. Once anos despois de presentar Accidens na Sala Nasa, Rodrigo volve a Santiago con este traballo corrosivo e de marcado acento propio. As entradas para este último espectáculo de Escenas do Cambio están dispoñibles na billeteira do Museo Centro Gaiás ou por venda electrónica en ataquilla.com. 

Quince días de escena contemporánea

Con Muerte y reencarnación en un cowboy ponse fin a un programa que constou de 25 pezas de artistas e compañías de 10 países diferentes, e na que o teatro galego tivo unha presenza destacada con nomes como Chévere, Matarile Teatro ou iLMaquinario, entre outros nomes. 

A ollada á escena galega conviviu nesta terceira edición de Escenas do Cambio coa atención ao teatro contemporáneo de América Latina, con propostas de nomes imprescindibles como Federico León, Rodrigo García, Guillermo Calderón, Mariano Pensotti, Manuela Infante ou Magdalena Arau. Xunto a estas montaxes, ‘Escenas do Cambio’ avanzou na súa vocación de traer a Galicia proxectos dalgunhas das compañías máis inquedas do panorama internacional, como o colectivo BERLIN, ou os proxectos de Ant Hampton e Tim Etchells, Takao Kawaguchi ou Trajal Harrell.

 

Cultura

  • (2)