Preséntase no Gaiás a tradución ao inglés da obra Ilustrísima, de Carlos Casares

Santiago de Compostela, 15 de Maio de 2017

A semana das Letras Galegas comezou esta mañá na Cidade da Cultura coa presentación da tradución ao inglés da obra Ilustrísima, de Carlos Casares, que acaba de ver a luz na colección Galician Classics, un proxecto editorial promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e mais polo selo Small Stations Press para a difusión exterior da literatura galega.

His Excellency é o título da que constitúe a primeira edición en inglés desta novela do autor homenaxeado coas Letras Galegas 2017. Trátase dunha publicación que ten como obxectivo “contribuír á proxección da obra de Casares no ámbito internacional”, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao novo libro como “unha fiestra máis para proxectar a nosa cultura no mundo”.

Segundo explicou Anxo Lorenzo esta mañá en rolda de prensa, “a tradución ao inglés de Ilustrísima que presentamos hoxe, da man de Jacob Rogers e baixo a supervisión editorial de Jonathan Dunne, forma parte do proxecto editorial Galician Classics, que conta xa con sete títulos vertidos a esta lingua de autores como Álvaro Cunqueiro, Rosalía de Castro, Lois Pereiro, Díaz Castro ou Celso Emilio Ferreiro”.

A innovación tecnolóxica como temática

Respecto da novela de Casares, o secretario xeral de Cultura cualificou a obra como “unha chamada contra o dogmatismo e en prol da bonhomía, valores que o escritor tamén compartía no seu carácter”. “Ademais, Ilustrísima incorpora á trama a innovación tecnolóxica no seu tempo, pola que o autor sentiu unha gran fascinación”, segundo explicou, ao tempo que recordou que Casares “foi dos primeiros escritores tecnoloxizados”. “Por todos estes motivos, Ilustrísima é unha acertada elección”, concluíu.

A novidade editorial foi presentada na Cidade da Cultura polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; polo administrador da Fundación Carlos Casares e fillo do escritor, Håkan Casares; polo editor Jonathan Dunne, pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e polo membro da Real Academia Galega Manuel González, no marco da exposición bibliográfica confeccionada pola Biblioteca de Galicia para celebrar as Letras Galegas 2017 e que leva por título Casares: arte e pensamento para Galicia.

Un percorrido pola produción de Casares

Conformada por preto de 50 pezas –algunhas delas, primeiras edicións das súas obras– a exposición realiza un percorrido pola produción de Casares. Libros, audiovisuais e carteis dos fondos da Biblioteca de Galicia, algúns deles procedentes da biblioteca persoal do escritor depositada en comodato na Biblioteca de Galicia, forman parte deste proxecto expositivo, que se pode ver no Gaiás ata o próximo 10 de xuño.

Nela, o visitante terá ocasión de se achegar ás distintas facetas do escritor, que van desde a de autor literario, á de intelectual que se preocupou por divulgar os autores galegos históricos, pasando pola súa faceta vinculada ao desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil, un xénero que iniciaron os da súa xeración en lingua galega. Nesta sección ten unha presenza importante O principiño, que traduciu para o galego e do que foi coleccionista.

A obra do autor noutros idiomas

Tamén está presente na mostra a súa vertente de columnista e colaborador nos medios, un aspecto que lle deu unha enorme presenza e afecto social, xunto coa faceta da proxección internacional e das traducións, xa que Casares viu algunhas das súas obras traducidas a diversas linguas, entre elas, ao castelán, ao italiano, ao bretón, ao catalán e mesmo en bable, entre outras. Están tamén as traducións doutras obras para o galego que el mesmo asumiu, como a derradeira novela do seu amigo Torrente Ballester. Xa na sección final, a mostra inclúe unha pequena selección de documentación de homenaxe tras a súa morte.