Pop folkie e indie para musicar os primeiros solpores de agosto

Santiago de Compostela, 02 de Agosto de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia aposta polo pop -na versión folkie de Manel e na indie de Espanto- para musicar os solpores da primeira semana de ‘Atardecer no Gaiás’, que arranca o xoves, día 3, cunha nova sesión de cinema ao aire libre na que se proxectará ‘Quadrophenia’, en homenaxe a The Who.

‘Atardecer no Gaiás’ permitirá escoitar este venres, día 4, na Cidade da Cultura ‘Jo Competeixo’, o último traballo de Manel, a primeira banda catalá en levar un disco cantado neste idioma ao primeiro posto na lista dos máis vendidos en España. Transcorridos xa seis anos deste grande éxito, o pop folkie da banda catalá contáxiase agora de sintetizadores, teclados e ritmos latinos que combinarán para este solpor cos temas máis coñecidos. Para prolongar a festa dese día, e por cortesía da Cantina do Gaiás, tras a súa actuación terá lugar unha sesión DJ a cargo de Shulz.

No entanto, o primeiro 'Atardecer no Gaiás’ de agosto bota a andar xamañá, ás 21 horas, cunha nova sesión de cinema ao aire libre. Nesta ocasión, homenaxéase a banda británica e de culto The Who, co gallo do 50 aniversario de todo un himno musical como é o tema ‘My Generation’.

A homenaxe comeza cunha selección musical a cargo de DJ Rafa Morcego, recoñecido pinchadiscosda escena compostelá, en particular, e da galega, en xeral. Rafa Morcego achegará ao Gaiás clásicos de The Whoe tamén do movemento mod, que esta banda icona da música do século XX chegou a liderar nos 60, ademais de popularizar a ópera rock.

Tras a sesión musical, os espectadores poderán asistir á segunda sesión de cinema deste 'Atardecer no Gaiás' 2017:  ‘Quadrophenia’, baseada na ópera rock de 1973 da banda británica e cuxo reparto está formado por Phil Daniels, que interpreta o papel protagonista de un mod chamado Jimmy. Aparecen tamén Toyah Willcox, Mark Wingett, Leslie Ash, Ray Winstone, Timothy Spall, Phil Davis, Michael Elphick, Kate Williams, Gary Shail, John Altman e ata o cantante Sting. Foi a ópera prima do director Franc Roddam e en 2004 a revista Total Film catalogouno como o 35º mellor filme británico de todos os tempos. 

O caer do sol do sábado estará acompañado, a partir das 21 horas, polas melodías e letras do pop das pequenas cousas de Espanto. Este dúo de Logroño converteuse en 2011 nunha das revelacións máis importantes da escena indie. Ao Gaiás traerán 'Fruta y Verdura' (2016) e algo de 'Rock´n Roll' (2008)

Todas as citas de ‘Atardecer no Gaiás’ comezan ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura. A entrada é libre e de balde. E o último bus para baixar do Gaiás é o C11 e ten lugar ás 22:45 horas.