O Gaiás reflexiona sobre o potencial expositivo do deseño do 7 ao 9 de xuño

Santiago de Compostela, 16 de Maio de 2017

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reflexionará do 7 ao 9 de xuño sobre o potencial expositivo do sector do deseño e do moble en Galicia durante as Xornadas Académicas Da árbore á cadeira. A organización dunha exposición co deseño como liña argumental’, que se celebrarán no Gaiás.

No marco da mostra ‘Da árbore á cadeira’, que pode visitarse ata o 5 de novembro no Museo Centro Gaiás, a Cidade da Cultura celebra estas xornadas académicas nas que xestores culturais, deseñadores, artesáns, docentes e empresarios porán en valor o sector do moble ao tempo que reflexionan sobre a posta en marcha dunha exposición.

Distribuídas en tres xornadas, os participantes descubrirán primeiro como é a elección do tema dunha exposición, a concepción do proxecto, como se conforma un equipo de comisariado e de coordinación expositiva, así como todas as súas fases: execución, deseño, montaxe... Para iso, a Cidade da Cultura contará co arquitecto Carlos Seoane, comisario da mostra ‘Da árbore á cadeira’ así como diversos integrantes do comité asesor como os biólogos Alfonso Bar ou Roxelio Pérez Moreira e os arquitectos Soledad Bugallo Touciño e Óscar Fuertes Dopico.

De forma paralela, as Xornadas Académicas reflexionarán ao redor da importancia do deseño contemporáneo, especialmente do mobiliario, implicando a todos os sectores da madeira e o deseño. Así, unha segunda parte das xornadas estará centrará nas peculiaridades do mundo nas que están implicados deseño, artesanía, industria e comercio. Recoñecidos deseñadores galegos como Tomás Alonso, Luis Gil Pita e Cristina Nieto Piñamaría, Elías Cueto ou os estudos Domohomo, Cenlitrosmetroscadrado e Woodworks estarán presentes nestas xornadas para falar do deseño de mobiliario en Galicia.

Pero a reflexión non só quedará aí, senón que contará coa presenza do sector da madeira a través de José Manuel Iglesias Vilas, presidente do Clúster da Madeira e o deseño en Galicia; e das escolas de arte e deseño a través do relatorio de Óscar Aldonza, profesor da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

As entradas para as Xornadas Académicas saen hoxe á venda no Museo Centro Gaiás e ataquilla.com a un prezo de 25€, con posibilidade dun desconto do 20% para colectivos especiais que poden consultarse en cidadedacultura.gal. As xornadas están dirixidas a estudantes de graos, máster e doutoramento de Historia da Arte, Arquitectura, Estudos Formativos de Deseño, Xestión Cultural e sectores implicados no deseño mobiliario. Outorgarase un recoñecemento de dez horas para os alumnos do programa de doutorado en Historia, Xeografía e Historia da Arte da USC.