O Conecta Fiction reúne no Gaiás máis de 35 canles internacionais de televisión

Conecta Fiction
Santiago de Compostela, 12 de Xuño de 2017

Os representantes de máis de 35 canles de televisión de referencia internacional daranse cita en Santiago do 20 ao 23 de xuño para asistir a Conecta FICTION, primeiro encontro dedicado á coprodución de ficción televisiva (series e miniseries) entre Europa, Latinoamérica e Estados Unidos. A Xunta de Galicia, o ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE promoven esta primeira edición do evento, baixo a produción de Inside Content, para a que xa están acreditados máis de 350 profesionais de 20 países.

Atópanse entre eles directivos de cadeas e plataformas de televisión, produtoras, distribuidoras, empresas inversoras, de servizos e asesorías xurídicas, ademais de creadores, guionistas e axentes de vendas. Así, Conecta FICTION reunirá en Galicia marcas tan coñecidas como Arte, Atresmedia, Fox Networks Group, France Televisión, HBO, Mediaset, Movistar+, Netflix, Radio Televisión Española, RTP de Portugal, Sony Pictures TV, Telemundo, Televisa, Televisión Nacional de Chile, Turner Latin America, TV Azteca e Univisión, entre moitas outras.

Esta primeira edición do evento, que desenvolverá o seu programa diúrno na Cidade da Cultura de Galicia e o nocturno, noutros espazos de Compostela, foi presentada hoxe polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, nun acto no que tamén interviñeron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o director da Agadic, Jacobo Sutil Nesta; o director da Zona Noroeste da SGAE, Juan Carlos Fenández Fasero; o presidente do Clúster Audiovisual Galego (Clag), Jorge Algora, e a a directora do encontro, Geraldine Gonard. Asistiron, así mesmo, representantes do resto das entidades colaboradoras, así como do sector audiovisual galego. 

Galicia, punto de encontro internacional

O conselleiro cualificou de “moi oportuna” a celebración en Compostela dun evento destas características polo pulo sen precedentes que está a vivir o ámbito da ficción televisiva, que –debido á súa ampla oferta, á súa calidade e á rapidez na produción– precisa constantemente de novos contidos e ofrece un amplo abano de oportunidades para a coprodución e a comercialización exterior. “É aquí onde que queremos actuar coa organización de Conecta FICTION: aproveitar este contexto para situar Galicia como punto de encontro internacional que facilite o intercambio de ideas e de negocio entre América e Europa”, asegurou.

Román Rodríguez tamén fixo fincapé na idoneidade de Galicia como anfitrioa de Conecta FICTION pola súa situación xeoestratéxica como “espazo de conexión intercontinental”, tanto pola súa relación de proximidade con Portugal e o ámbito lusófono como polos seus “innegables vínculos co outro lado do Atlántico e, en especial, con países como Arxentina, país de honra desta primeira edición do encontro que é, ademais, terceiro produtor de ficción televisiva do mundo”, continuou. 

Entidades colaboradoras

Subliñou igualmente a estreita colaboración da Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), coas outras dúas entidades promotoras do evento, ao que tamén achegan a súa colaboración o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Turismo de Galicia, Fundación Cidade da Cultura, Galicia Calidade, Clag, Televisión de Galicia, Concello de Santiago, Consorcio da Cidade de Santiago, Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Master de Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), Fundación Media Europa, Movistar+ e TVE, entre outras entidades.

En canto ao sector audiovisual galego, o conselleiro explicou que a celebración de Conecta FICTION en Santiago busca ser tamén “un recoñecemento ao traballo de todos os que están a facer que o noso audiovisual sexa valorado e premiado fóra do noso país”. Na súa opinión, o auxe actual do sector en Galicia –que acolle a rodaxe dunha media anual de 10 series ou miniseries– é un excelente punto de partida para que as empresas que o integran poidan amplificar as súas posibilidades de negocio a través dos encontros e reunións cos axentes internacionais acreditados. 

Dous contratos de desenvolvemento

Unha destas compañías galegas, Ficción Producciones, asina un dos 10 proxectos seleccionados pola comisión de expertos para o pitching de coprodución internacional, que terá lugar o mércores 21 como unha das actividades centrais do programa. As propostas elixidas presentaranse de xeito exclusivo diante dos inversores acreditados e potenciais socios interesados na súa coprodución. Ademais, tanto estes 10 títulos como os seis do pitching de proxectos procedentes do Laboratorio de Creación de Series de Televisión da Fundación SGAE, optarán a un dos dous contratos de desenvolvemento que ofrecen Movistar+ e RTVE. 

Conecta FICTION arrancará o martes 20, ás 20,00 horas, no Auditorio de Galicia cun concerto especial da Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta de Geoffrey Styles, no que soarán as bandas sonoras de series tan coñecidas como Game of Thrones, Isabel, Allí abajo ou Sé quien eres, e entre as que se inclúen composicións de autoría galega como El final del camino, de Manuel Riveiro; Seis hermanas, de Sergio Moure; e Vidago Palace, de Xavi Font. 

Convites para o público

O concerto abrirase ao público xeral como xeito de compartir coa cidadanía este evento marcadamente profesional e de lle trasladar todo o potencial da industria televisiva. Os convites poderán retirarse desde mañá nos horarios habituais do despacho de billetes do Teatro Principal (martes a sábado, de 18,00 a 21,00 h.) e no Auditorio de Galicia o mesmo martes 20 desde as 18,00 h. 

O programa de Conecta FICTION desenvolverá, así mesmo, 25 encontros con profesionais de primeiro nivel internacional para abordar as oportunidades e os retos da coprodución internacional de series a través de 15 paneis e mesas redondas, seis talleres e casos de estudo, sesións sobre financiamento e incentivos fiscais, brandend content e unha demostración en directo da tecnoloxía máis avanzada para captar e mellorar a audiencia.

A organización tamén busca garantirlles aos participantes a oportunidade de facer contactos e fixar reunións a través da Caixa de Ficción, nome co que se bautizou tanto a plataforma en liña destinada a xestionar a axenda dos inscritos, como a zona de reunións individuais e personalizadas que se habilitará na Cidade da Cultura. 

O programa complétase con cinco sesións de proxeccións de series, con varias primicias europeas, que busca poñer en valor a calidade e o atractivo das producións realizadas a ambas as beiras do Atlántico e no que terá un especial protagonista Arxentina, como país de honor de Conecta FICTION.