O CEM do Gaiás celebra o 7 de marzo 'Cidade Creativa'

Santiago de Compostela, 17 de Febreiro de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia, en colaboración con 7HCoop, acollerá o vindeiro 7 de marzo a iniciativa Cidade Creativa, un gran networking de emprendedores creativos. Ao longo de todo o día, un total de 50 artistas darán a coñecer os seus traballos a través dunha pequena feira de artesanía e produto, exhibicións e intercambio de coñecementos en vivo.

De 11 a 22 horas, a Sala Eisenman acollerá o 7 de marzo unha programación que aposta polos creadores e a experimentación e na que as empresas que son parte do Centro de Emprendemento (CEM) do Gaiás poderán demostrar como o talento creativo se está a materializar nos máis diversos campos: do deseño gráfico á autoedición, as novas tecnoloxías ou mesmo o turismo.

Cidade Creativa contará, deste xeito, cunha pequena feira con pezas de autor, produtos exclusivos e artesáns expertos como Quenindiola, Nuria Díaz ou Exclusivas Lema. A feira complétase cun escaparate de produto no ámbito do deseño contemporáneo, no que firmas como My mon did it ou Cucuducho non só amosarán os seus artigos, senón que terán lugar demostracións en directo.

As outras dúas patas de Cidade Creativa serán a galería de arte e deseño, con presentacións de novos proxectos, formatos alternativos e autores emerxentes; e un mercado de nova edición, espazo para as novas propostas e formatos que están a revolucionar o mundo da edición artística, desde os fotolibros aos álbumes ilustrados.

Música en directo, performances, monólogos e ata unha pinchada completarán este día dedicado ao talento creativo galego, no que tamén se facilitará o encontro entre emprendedores para compartir ideas e establecer sinerxías.

Convenio de colaboración

‘Cidade Creativa’ enmárcase no convenio de colaboración asinado esta mañá pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e a presidenta do Consello Reitor de 7H Sociedade Cooperativa Galega, Clara Rodríguez Cordeiro. Este acordo entre a Cidade da Cultura e a cooperativa de artistas busca a realización de actividades conxuntas, formativas e de asesoramento que redunden nas empresas emprendedoras que actualmente forman parte do Centro de Emprendemento do Gaiás