As Nocturnas 2017, música e arte para os venres noite de outubro no Museo Gaiás

Santiago de Compostela, 13 de Setembro de 2017

O Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura de Galicia, convida os venres noite de outubro a unha descuberta diferente, distendida e vinculada co lecer das grandes exposicións que acolle: Flor Novoneyra e Da árbore á cadeira. E faino a través do programa As Nocturnas, nas que a música e arte visten e acompañan a estas visitas comentadas.

Deste xeito, as noites do 6, 13, 20 e 27 de outubro, o Museo Centro Gaiás abrirá as súas portas nun horario pouco habitual, á caída da noite, ás 21 horas, para recibir os participantes das Nocturnas cunha sesión DJ, petiscos e viño, cortesía de Galicia Calidade. A intención é crear un ambiente de relax no que serán guiados pola respectivas exposicións: Flor Novoneyra, os dous primeiros venres; e Da árbore á cadeira, os dous últimos do mes.

As Nocturnas propoñen uns venres noite de ocio, música pero sobre todo, moita arte, incluída a de todos os asistentes, xa que terán a oportunidade de experimentar con ela, ao ofrecérselle a posibilidade de facer a súa propia creación con láser-grafiti. Trátase dunha técnica que permite ‘pintar’ sobre a parede cun punteiro láser, coa cor e textura que se desexe a modo de spray.

As nocturnas con Flor Novoneyra e Da árbore á cadeira

As Nocturnas arrancan o primeiro venres de outubro, día 6, vinculadas á exposición Flor Novoneyra. Esta descuberta singular --polo modo e a hora--  da exposición que une dous grandes da cultura galega como son Antón Lamazares e Uxío Novoneyra verase reforzada pola oportunidade que terán os asistentes de coñecer a mostra da man do mesmo equipo que a comisariou: Uxío Novoneyra fillo e a comisaria, María Díaz. Esta experiencia única repetirase ao seguinte venres, día 13.

A seguinte quenda das Nocturnas serán os últimos venres de outubro, os días 20 e 27, e terán como protagonista a exposición Da árbore á cadeira, toda unha viaxe emocional e patrimonial polos bosques autóctonos de Galicia, as súas madeiras, e os oficios tradicionais e de deseño de mobles vinculados a elas.

O percorrido desta visita orixinal e única coa chegada da noite comezará nos propios bosques galegos, baixo a ollada de fotógrafos como Manuel Vilariño, Vari Caramés, Xosé Caruncho, Juan de la Sota ou Juan Rodríguez; grandes artistas plásticos como Castelao, Seoane, Maside e figuras contemporáneas como Pamen Pereira ou Jorge Perianes. Nunha segunda etapa deste percorrido, a exposición ofrece unha viaxe polo deseño desde os pioneiros (Isaac Díaz Pardo, Alejandro e Jesús de la Sota e Xosé Bar Bóo) ate os contemporáneos, entre os que se atopan moitos dos grandes arquitectos e deseñadores galegos, como Manuel Gallego Jorreto, Irisarri e Piñera, Noguerol e Díaz, Iago Seara, Carlos Quintás, Creus e Carrasco, Tomás Alonso, Elías Cueto, Lucía Buceta ou Iñaki Leite.

Esta viaxe emocional será máis sensitiva aínda grazas ao ambiente distendido e de relax que se conseguirá coa música axeitada para o momento, con espazo para o lecer e a conversa, acompañado de petiscos e viño que farán das Nocturnas un acubillo de creación, ritmos e expansión para as primeiras noitiñas do outono.