Nexos 2017 arranca o 28 de xaneiro

Santiago de Compostela, 19 de Decembro de 2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despediu hoxe o ciclo de cultura contemporánea da Cidade da Cultura Nexos cunha sesión dedicada a Valle-Inclán no seu 150 aniversario. Ademais, Cultura e Educación anunciou catro novas datas para o vindeiro ano: o 28 de xaneiro, cunha sesión dedicada ao aforismo; o 18 de febreiro, sobre a crise existencial de Europa; o 1 de abril, ao redor da figura de Maruja Mallo; e o 13 de maio, sobre o legado arquitectónico da Escola de Porto.

O auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia acolleu esta mañá a última sesión do Nexos 2016 baixo o título Do Marqués de Bradomín a Max Estrella: Imaxes dun AristÁcrata. Os asistentes fixeron unha viaxe pola traxectoria literaria de Valle-Inclán, visitando a algúns dos personaxes máis destacados da súa produción, da man de Dianella Gambini, catedrática de Lingua Española e Tradución na Università per Stranieri de Perugia (Italia) e especialista en literatura do romanticismo e do modernismo, en particular da obra de Valle Inclán, de quen traduciu ao italiano “Femeninas” e “Epitalamio”.

Tras o relatorio, o público puido gozar co concerto Fake a cargo de Saúl Puga (contrabaixo) e Pablo Seoane (piano). ‘Fake’ é unha composición orixinal de Pablo Seoane inspirada en La Lámpara Maravillosa, ensiao de Valle-Inclán de cuxa publicación se cumpren 100 anos neste 2016 e creada especificamente para o ciclo Nexos

Representación infantil de Luces de Bohemia

Como en todas as sesións de Nexos, os participantes foron convidados ao final das intervencións a un petisco cultural cortesía de Pan do Mar e Bodegas Martín Códax.

Paralelamente, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acolleu a última sesión do ‘Nexos infantil’ do ano. Baixo o título O ronsel do Esperpento. 150 anos do nacemento de Valle-Inclán, nenos de 5 a 12 anos reflexionaron sobre o mito e a realidade da vida do escritor galego e sobre como se crean as lendas e que hai de certo delas. Ademais, realizaron un mural colectivo a modo de xornal con apartados claves da vida de Valle-Inclán e puxeron en escena unha pasaxe de Luces de Bohemia

Nexos 2017

A sesión de hoxe serviu tamén para avanzar as catro primeiras sesións do Nexos 2017 que arrancará o 28 de xaneiro con O aforismo e a beleza da síntese, no que se abordará a historia destes pequenos escritos, pílulas de sabedoría que grazas á moda dos 140 caracteres están a experimentar un vigoroso renacemento. 

Esta primeira sesión do 2017 estará a cargo de Jorge Wagensberg, profesor de Física da Universidade de Barcelona e creador do Museo da Ciencia da Fundación La Caixa, máis adiante renomeado CosmoCaixa. Tras el, o público poderá gozar do concerto Non me pertenzo a cargo de Carmen Guirrarán (soprano) e Pablo Seoane (piano). 

A seguinte cita terá lugar o 18 de febreiro con A crise existencial de Europa, que abordará o euroescepticismo e o futuro da UE. O relatorio estará a cargo do sociólogo e filósofo Ignacio Sánchez-Cuenca e tras el terá lugar o teatro musicado Parabéns permanente co actor Evaristo Calvo e o músico Pablo Seoane.

A sesión do 1 de abril estará dedicada a Maruja Mallo, que contará con dous relatorios para abordar a vida e obra da artista galega máis destacada do século XX: o de Carme Vidal, ensaísta e autora da biografía Maruxa Mallo (1999), que inaugurou xunto con María Casares a colección Mulleres de A Nosa Terra; e o de Carlos Bernárdez, ensaísta, crítico de arte e crítico literario. Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte, e profesor de Lingua e Literatura Galega.

O primeiro semestre do ano pecharase o 13 de maio coa sesión Arquitectura. O espléndido legado da Escola de Porto, na que participarán o arquitecto e catedrático emérito da Universidade do Porto, Alexandre Alves Costa; e o doutor en Arquitectura e profesor asociado da Escola de Arquitectura da Universidade do Miño, Pedro Bandeira. A xornada pecharase co espectáculo de luz e son A muda a cargo do director de escena Carlos Álvarez-Ossorio e Pablo Seoane. 

As catro sesións contarán coas súas correspondentes versións para o público infantil, dedicadas a nenos de entre 5 e 12 anos. 

Como en todo o ciclo ‘Nexos’, a entrada para cada unha das sesións é de balde mais é preciso inscribirse previamente no web da Cidade da Cultura. O luns, 19 de decembro, abrirase a inscrición para a primeira do ano: ‘O aforismo e a beleza da síntese’, do 28 de xaneiro, tanto na sesión adulta como na infantil.