María Moreira, protagonista da mostra Mulleres Sobranceiras

Santiago de Compostela, 08 de Marzo de 2017

O Arquivo de Galicia pon en valor o labor pioneiro da deseñadora galega María Moreira a través da exposición Mulleres sobranceiras. A mostra documental, que se pode visitar desde hoxe na Cidade da Cultura, foi presentada esta mañá pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, co gallo do Día Internacional da Muller.

Durante o acto de presentación, a secretaria xeral da Igualdade apelou á importancia de facer visible o papel que as mulleres desenvolven na sociedade galega, así como á necesidade de poñer en valor as súas contribucións históricas. Destacou que, con iniciativas como esta, conséguese poñer de relevo a capacidade e saber facer de figuras como María Moreira e de todas as mulleres galegas; ao tempo que se dota ás xeracións actuais de referentes femininos, o que contribúe a seguir avanzando no camiño cara unha sociedade máis integradora e igualitaria.

En alusión ao lema proposto este ano pola ONU para a celebración do Día da Muller, As mulleres nun mundo laboral en transformación: cara a un planeta 50-50 en 2030, Anxo Lorenzo referiuse ao labor pioneiro de María Moreira como “un exemplo para avanzar nesa transformación que permita gañar a igualdade entre homes e mulleres no mundo laboral e que nos conduza á construción dunha sociedade xusta e libre”.

Percorrido documental

A mostra confórmana un total de 55 pezas –entre as que se inclúen fotografías, contratos, correspondencia e bocexos das súas creacións–, que ilustran a destacada contribución de Moreira ao impulso do sector téxtil galego, ao tempo que se achegan ao seu proceso de creación e á conexión do mundo da moda coa sociedade. Todas as pezas proceden do arquivo profesional de María Moreira, que a deseñadora lle doou recentemente ao Arquivo de Galicia.

A través da serie Mulleres sobranceiras, posta en marcha en 2016 cunha exposición dedicada á arquiveira Olga Gallego, a Xunta de Galicia pretende contribuír a darlle visibilidade ao traballo e ao papel desenvolvido polas mulleres en diversos ámbitos, ao tempo que se difunde a importancia dos arquivos como institucións garantes de dereitos e da memoria da sociedade.

Unha muller pioneira

Nacida en Vilaza, no municipio pontevedrés de Gondomar, María Moreira comeza en 1952 a súa traxectoria profesional de forma autodidacta para converterse nun referente da moda galega na década dos oitenta. A súa primeira tenda na rúa Marqués de Valladares de Vigo é o escaparate que lle abre as portas para trasladarse a Barcelona e introducirse no deseño industrial da man de recoñecidas firmas, como Daniel G. Bamboo ou Closed, entre outras. Despois dunha estancia de cinco anos nesta cidade, en 1980 regresa a Galicia e lanza as súas creacións co seu propio nome: María Moreira (MM). Cinco anos máis tarde, en 1985, inaugura a pasarela Cibeles, á que acudirá durante máis dunha década.

As súas creacións, na gran pantalla

María Moreira establecera unha estreita vinculación coa denominada Movida viguesa e madrileña. É nese marco no que entra en contacto co mundo do cine colaborando con Pedro Almodóvar en películas como Pepi, Luci, Bom y otras chicas del montón e Mujeres al borde de un ataque de nervios, na que se ocupou do vestiario de Carmen Maura; ou con Rafael Moleón en Baton Rouge.

En 1990 fusiónase con Creacións Foque S.L., unha empresa dedicada ao deseño e fabricación de prendas infantís e, en 1997, amplía as súas actividades coa creación dun taller integral de deseño e prototipos: a empresa Diseño, Corte y Confección de Moda.

Algunhas das súas creacións exhibíronse na exposición Con-Fío en Galicia. Vestir Galicia, vestir o mundo, que tivo lugar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia de marzo a setembro de 2016, baixo o comisariado de Miguel Anxo Seixas Seoane. En 2010, o Instituto de Estudos Miñoranos tamén lle dedicou a mostra María Moreira. 30 anos de deseño de moda galega, comisariada por Rosalía Pazo Maside. Na actualidade vive en Cabo Verde, onde inaugurou o seu primeiro pase en xullo de 2016.