José Suárez volve a París

Santiago de Compostela, 12 de Abril de 2017

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, inaugurou hoxe na sede do Instituto Cervantes de París a exposición José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, mostra que chega á capital francesa tras o seu paso por Santiago de Compostela, Madrid, Bos Aires e Montevideo, nun programa de itinerancias co que a Xunta, en colaboración con institucións como o Cervantes, o Centro Cultural Borges ou o Centro Cultural España da capital uruguaia, promove un maior coñecemento dun artista galego que se converteu nun nome imprescindible na historia da fotografía do século XX.

Román Rodríguez lembrou que esta exposición, producida pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e inaugurada por vez primeira no 2015 no Museo Centro Gaiás, busca recuperar para a memoria a figura dun "creador que mudou a linguaxe da fotografía do seu tempo". "José Suárez gozou dun amplo recoñecemento por parte da crítica e dos intelectuais do momento e inexplicablemente caeu nun esquecemento inxusto que temos a responsabilidade de reparar", engadiu. 

"A historia de José Suárez é a historia dos galegos da diáspora", subliñou o conselleiro, quen defendeu a necesidade de conseguir que "fotografías cargadas de emocións universais" poidan regresar ás cidades que conformaron o periplo vital deste artista de Allariz, lugares onde José Suárez desenvolveu boa parte da súa obra. 

O titular de Cultura presentou a exposición como un "regreso simbólico" da obra de Suárez a París, lembrando que no ano 1935 o fotógrafo protagonizou unha exposición no Salón da Oficina de Turismo de España na capital francesa, mostra que se presentou cun catálogo prologado por Miguel de Unamuno. 

Un regreso simbólico

Román Rodríguez apostou por impulsar desde a súa consellería proxectos que transcendan os límites territoriais de Galicia, coa fin de que a identidade cultural galega, expresada a través dos seus artistas e creadores, teña presenza relevante na escena internacional. Do mesmo senso, manifestou o seu compromiso coa memoria do exilio, atendendo ao legado de artistas que, como José Suárez, formaron parte dese momento da historia. 

A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, quen acompañou ao conselleiro na inauguración, agradeceu o apoio do Cervantes e a implicación do seu director, José Manuel Bonet, lembrando que é un dos autores dos textos incluídos no catálogo, cun fermoso ensaio no que describe a José Suárez como o gran "fotógrafo traspapelado" que cómpre devolver ao seu lugar. 

O acto de inauguración contou coa tamén presenza do director xeral do Instituto Cervantes, Juan Manuel Bonet, da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e dos dous comisarios da exposición, Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón, que ofreceron unha conferencia na que presentaron a José Suárez como un artista innovador, atento aos movementos das vangardas e comprometido coa fotografía como medio de expresión artística. 

A exposición de José Suárez permanecerá aberta ao público na sede do Instituto Cervantes de París ate o próximo 3 de xuño.

 

Cultura

  • (8)