José Suárez volve a Arxentina

José Suárez. Unos ojos vivos que piensan
Santiago de Compostela, 19 de Outubro de 2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Fundación Cidade da Cultura, inaugurou onte en Arxentina a mostra José Suárez. Unos ojos vivos que piensan, a maior exposición realizada ata o momento sobre este fotógrafo de Allariz, considerado un dos grandes nomes da fotografía do século XX.

Producida pola Cidade da Cultura de Galicia, a mostra inaugurouse onte no Centro Cultural Borges de Bos Aires coa presenza do director do centro, Roger Haloua; da coordinadora da exposición en Arxentina, Melina Ojagnan; da directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, María Pereira Otero; e dun dos comisarios da mostra, Manuel Sendón. Ao acto tamén asistiron Alejandro López Dobarro, delegado da Xunta de Galicia en Arxentina; Pilar Ruiz Carnicero, conselleira cultural da Embaixada de España; e Verónica Santalla, representante da Secretaría de Cooperación Internacional do Ministerio de Cultura da Nación Arxentina.

Durante o acto de apertura, o comisario Manuel Sendón recordou que esta exposición supón o regreso de José Suárez a Arxentina, país onde pasou a maior parte dos seus anos no exilio. “Suárez nunca rexeitou ser español pero manexábase con pasaporte arxentino. De feito, á súa volta a España a fixo con este pasaporte. Viviu aquí o exilio e sentiuse sempre moi arxentino”, asegurou.

Pola súa banda, María Pereira destacou a importancia de que a mostra chegase a Bos Aires tras o seu paso por Madrid, dúas cidades claves na vida do fotógrafo de Allariz: “Coa presenza desta exposición en Bos Aires, a Cidade da Cultura busca dar a coñecer a obra dun artista practicamente descoñecido polo gran público ao tempo que se pon en valor a cultura galega no exterior”, asegurou. Finalmente, o director do Centro Cultural Borges agradeceulle á Fundación Cidade da Cultura e á Xunta de Galicia a elección deste centro para “acoller tan importante exposición”.

De ‘Mariñeiros’ a ‘La Mancha’

Comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, dous referentes no estudo da fotografía galega, a exposición descubriralle ao visitante a figura de José Suárez (Allariz, 1902-A Guarda, 1974), fotógrafo artista, profesional dotado dunha forte visión humanista e innovador que decidiu incorporar á fotografía movementos de vangarda europeos como a Nova Visión ou a Nova Obxectividade.

Na Sala 21 do Centro Cultural Borges poderanse contemplar series tan importantes como ‘Mariñeiros’, realizada a mediados dos anos 30 e exposta en París ou Madrid; as tomadas durante as súas viaxes a Xapón; ou algunhas das últimas que realizou na súa vida como a serie ‘La Mancha’ (1965). Pero tamén todo o traballo levado a cabo durante os seus anos no exilio, que transcurriron principalmente entre Arxentina e Uruguai.

Exilio en Arxentina

De feito, José Suárez. Unos ojos vivos que piensan supón o regreso de José Suárez a Arxentina da man da Xunta de Galicia e a Embaixada de España en Arxentina. O fotógrafo de Allariz pasou a maior parte do seu exilio neste país, onde chegou en 1936 tras fuxir de España por barco desde Lisboa en compañía do pintor Manuel Colmeiro. A súa vida en Arxentina estivo moi pegada ao cine, participando nun número importante de películas como director, director de fotografía de exterior, iluminador, axudante de dirección ou asesor técnico.

Con escenas gravadas nas praias de Mar da Plata, Suárez concluirá un dos grandes proxectos truncados co estalido da Guerra Civil española e o seu forzado exilio: a película ‘Mariñeiros’, estreada en 1938 no Teatro Avenida de Bos Aires, e da que non chegou ningunha copia aos nosos días. E aquí traballará  como corresponsal para varias cabeceiras míticas que o levarían a viaxar por todo o mundo.

Arxentina será tamén o país onde Suárez entrará en contacto coa intelectualidade galega e española: desde Rafael Alberti ou Ayala ás principais figuras do galeguismo como Blanco Amor, Seoane ou Dieste. Retratos, cartas e obxectos persoais de cada un deles poderanse contemplar tamén na mostra.

Montevideo, seguinte parada

Tras expoñerse con éxito na Cidade da Cultura, a mostra viaxou ata o Instituto Cervantes de Madrid e proximamente seguirá a súa itinerancia por Uruguai, París ou Xapón, todas elas cidades clave na vida de José Suárez.

A obra de José Suárez nunca antes foi exposta de forma monográfica fóra de Galicia a pesar de ser unha figura clave na historia da fotografía do séxulo XX. Con esta itinerancia, a Cidade da Cultura busca non só dar a coñecer a obra deste artista e revitalizar lazos con territorios historicamente vencellados a Galicia.

 
José Suárez. Unos ojos vivos que piensan
José Suárez. Unos ojos vivos que piensan
José Suárez. Unos ojos vivos que piensan
José Suárez. Unos ojos vivos que piensan