Inaugurada a mostra de Cela na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 19 de Novembro de 2016

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugurou esta tarde no Museo Centro Gaiás a exposición Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade, a mostra máis ambiciosa realizada ata o momento sobre Cela e un dos actos centrais do programa preparado para conmemorar os cen anos do seu nacemento en Iria Flavia (Padrón).

Román Rodríguez explicou que se trata da “gran exposición” coa que o Estado, a través de Acción Cultural Española e a Biblioteca Nacional de España, e a Xunta, a través da Fundación Pública Camilo José Cela e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, celebra os cen anos do nacemento do único galego que obtivo o Premio Nobel de Literatura. E destacou que a mostra desvela “as distintas caras” dun dos autores que máis teñen contribuído desde Galicia á cultura global.

A través de 600 pezas, a exposición conforma un retrato poliédrico sobre Cela, amosando a súa actividade como novelista, articulista, dramaturgo e poeta pero tamén como editor, pintor, coleccionista ou actor. Ata o 19 de febreiro de 2017, a Cidade da Cultura presenta unha escolma do amplo legado deixado polo Nobel, que nos permite explorar o seu universo psicolóxico e a súa actividade como editor e ‘activista cultural’, así como a súa estreita relación con Galicia. O percorrido complétase con curiosidades, como os diferentes elementos que o acompañaron na viaxe á Alcarria, fragmentos de películas nas que traballou como actor ou as súas numerosas coleccións.

Tras o seu exitoso paso pola Biblioteca Nacional, onde foi inaugurada polo Rei Felipe VI no mes de xullo, a mostra ‘Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade’ chega ao Gaiás organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura e a Fundación Camilo José Cela; e o Goberno de España, a través de Acción Cultural Española. O evento será comisariado polo profesor Adolfo Sotelo, un dos maiores especialistas na obra de Cela e catedrático de Historia de Literatura Española na Universidade de Barcelona.

Ata o 19 de febreiro de 2017

Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade pode visitarse no terceiro andar do Museo Centro Gaiás ata o 19 de febreiro de 2017.

A aventura persoal, intelectual, literaria e artística de Cela centra esta mostra que, por primeira vez, presenta ao escritor como un poliedro de múltiples caras. A de escritor planeará sobre todas as demais a través de pezas tan singulares como os manuscritos e primeiras edicións de ‘La familia de Pascual Duarte’ e ‘La Colmena’. O Cela inventor dos apuntes carpetovetónicos, o viaxeiro, o dramaturgo, o xornalista, o epistológrafo ou o poeta completarán esta ollada á súa figura como escritor.

Mais a mostra céntrase tamén nas outras facianas de Cela: a de director e editor de revistas culturais claves do século XX como ‘Papeles de Son Armadans’ ou dunha editorial vital na historia de España como é Alfaguara, a de pintor, a de actor e guionista e mesmo a de coleccionista. Un personaxe complexo que conformou unha das figuras culturais claves do século XX como demostra a longa lista de recoñecementos colleitados, entre eles o Nobel, o Cervantes e o Príncipe de Asturias.

Cela e Galicia

Camilo José Cela: 1916-2016. O Centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade complétase coa relación de Cela con Galicia. Ademais da súa presenza nas últimas obras, o escritor mantivo estreitos vínculos coa intelectualidade galega na diáspora, colaborou con figuras como Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Celso Emilio Ferreiro e participou como articulista en numerosas cabeceiras do país. Todo un legado que culminaría coa posta en marcha en Iria Flavia da Fundación Camilo José Cela para, segundo as súas propias palabras, “devolver a Galicia o moito que Galicia me deu”.

Visitas comentadas e didácticas

A mostra poderá visitarse de martes a domingo, de 10 a 20 horas, con entrada de balde. Para coñecela con máis profundidade, a Cidade da Cultura ofrece todos os días visitas comentadas ás 18:30 horas e as fins de semana ás 12:30 e ás 18:30 horas. O Gaiás conta tamén cun programa didáctico para que a comunidade educativa se poida achegar a coñecer a persoal figura do Premio Nobel galego e as ricas arestas da súa creación literaria. Con contidos adaptados para todos os ciclos educativos, o programa combina un percorrido guiado pola mostra con actividades lúdicas, obradoiros literarios e unha visita moi especial aos depósitos da Biblioteca de Galicia, onde se custodia o patrimonio literario galego.