Homenaxe colectiva e multimedia a Manuel María

Homenaxe a Manuel María
Santiago de Compostela, 22 de Abril de 2016

A Cidade da Cultura celebrará o Día das Letras Galegas cunha homenaxe cidadá a Manuel María a través dun espectáculo multimedia que inclúe lectura de poemas, música en directo, vídeo-creacións e ata un obradoiro de rap.

Para homenaxear ao poeta lucense, a Cidade da Cultura convoca á cidadanía galega a achegarse ao Gaiás o 17 de maio e participar nun recital colectivo co que poñer en valor a figura e a obra de Manuel María. Así, a partir das 12:30 horas, a Sala Eisenman acollerá Verso busca voz, un acto no que todo aquel que o desexe porá voz aos seus poemas preferidos de Manuel María ao tempo que poderán gozar en directo coas improvisacións sonoras de Koroiev, alter ego do músico Roberto Casteleiro, e as videocreacións de DSK.

De balde previa inscrición en cidadedacultura.gal

Para participar neste recital colectivo, a Cidade da Cultura convida a todo aquel que o desexe a inscribirse e indicar aquel poema ou poemas que lle gustaría recitar o 17 de maio. De non ter preferencia, a organización recomendaríalle algún. 


Previamente, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá un Obradoiro de poesía e rap a cargo de Für alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) para rapaces a partir de 8 anos. Partindo dos versos de Manuel María, os participantes deixarán voar a súa imaxinación, dando lugar a novas composicións que interpretarán posteriormente no recital colectivo que terá lugar na Sala Eisenman. O obradoiro comezará ás 10:00 horas e a participación tamén é de balde, mais precisa inscrición. 


A mañá concluirá cun aperitivo literario no que os participantes en ambas as dúas actividades, así como o público asistente, poderán degustar zumes feitos a base de froitos do Courel da firma Caurelor e olivas de Eidos de Iria.

Con estas tres actividades, a Cidade da Cultura súmase á homenaxe que polo Día das Letras Galegas se lle rende a Manuel María, poeta lucense autor dunha extensa obra, expoñente do activismo político e representante da conciencia e o compromiso inquebrantable coa lingua galega.