The Beatles inauguran as sesións de cine do Atardecer no Gaiás

Santiago de Compostela, 12 de Xullo de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia pon en marcha este xoves, 13 de xullo, o ciclo de cine ao aire libre no marco do Atardecer no Gaiás 2017. A primeira sesión será unha homenaxe a The Beatles polo 50 aniversario do disco Stg. Pepper’s Lonely Hearts Club Band cunha pinchada a cargo de Alfonso Espiño e a posterior proxección do documental Eight Days a Week, que repasa a historia da banda de Liverpool.

Atardecer no Gaiás arrancará mañá ás 21 horas na praza central cunha selección musical a cargo de Alfonso Espiño, recoñecido músico, DJ e coleccionista de discos. Irredento fan dos Beatles, Espiño achegará ao Gaiás unha mestura de clásicos da banda de Liverpool, así como rarezas e cancións cedidas por Lennon e McCartney a outros artistas, ademais doutros temas nos que se recoñece a pegada do Stg. Pepper’s a través dos tempos.

Tras a sesión musical, os espectadores poderán asistir á primeira sesión de cine deste 2017: o documental Eight Days a Week, a cinta dirixida por Ron Howard co permiso de todos os membros da banda e das súas familias. O documental repasa a historia de The Beatles e a relación entre os catro mozos que revolucionaron a historia da música con imaxes inéditas dos seus primeiros anos e concertos.

Música brasileira e galega

Atardecer no Gaiás continuará o venres, 14 de agosto, con Boogarins, banda brasileira que combina, á perfección, a tradición do tropicalismo cunha ollada moderna ao rock cantado en portugués. Na praza central do Gaiás, os Boogarins presentarán o disco sorpresa que veñen de publicar hai tan só uns días: Lá Vem a Morte, que se une aos seus deus traballos anteriores polos que foron nominados aos Grammys Latinos. E tras a súa actuación, a festa continuará cunha sesión DJ a cargo de Yurak Walla por cortesía da Cantina do Gaiás.

O fin de festa do Atardecer no Gaiás desta semana será o sábado cun dos conxuntos músico-vogais con máis tirón do panorama musical galego: Familia Caamagno. Na Cidade da Cultura ofrecerán un dos seus afamados e enérxicos shows con cancións que van desde o rock bailongo e acelerado á escuridade garaxeira ou os 60’s máis clásicos.

Todas as citas de ‘Atardecer no Gaiás’ comezan ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura. A entrada é libre e de balde. E o último bus para baixar do Gaiás é o C11 e ten lugar ás 22:45 horas.