Bandas galegas na despedida do Atardecer no Gaiás

Atardecer no Gaiás 2016
Santiago de Compostela, 24 de Agosto de 2016

A Cidade da Cultura despide esta semana a sexta edición do Atardecer no Gaiás e farao ao ritmo de tres bandas galegas e unha homenaxe a David Bowie. Con estas tres últimas citas, o Gaiás ponlle punto e final a 22 sesións de música e cine ao aire libre coas que animou as tardiñas deste verán.

Atardecer no Gaiás 2016 comezará a despedirse mañá xoves, 25 de agosto, coa proxección da última das catro películas ao aire libre programadas nesta edición. Por primeira vez en Galicia poderá verse en pantalla xigante a película de ciencia ficción The man who fell to earth (O home que veu das estrelas) protagonizada por David Bowie no papel de extraterrestre. O filme irá precedido dunha sesión DJ temática a cargo de Bigote Mix, redondeando unha xornada que busca converterse nunha homenaxe ao músico recentemente falecido.

O venres contaremos cunha doble cita en Atardecer no Gaiás. Ao escenario da praza central subirán Diola, banda-laboratorio xurdida das cinzas de Unicornibot. Guitarra, baixo, batería, caixa de ritmos, sintetizadores, programación e voces fluíndo a través de tres intérpretes. E, xunto eles, Kill Kill! Presentará o seu álbum debut: Reacciones a distancia, no que collen o post-hardcore e o indie rock noventeiro e o pasan polo filtro do pop.

A gran despedida chegará o sábado coa actuación de tres bandas galegas: as dúas finalistas do certame Xuventude Crea 2015 e a banda viguesa The Soul Jacket. O pop alternativo de Diariodeverano seguiralle Fripp & Kitte e os seus sons crepusculares do oeste americano e melodías soul e folk. O fin de festa virá da man do rock americano de The Soul Jacket, que presentará os temas do seu último disco: Black Cotton Limited.

A Cantina do Gaiás tomaralle o relevo á praza central e, ao finalizar os concertos, celebrará unha festa de despedida ao ritmo do DJ Furia de Timotei. A entrada é de balde.

 

 
Atardecer no Gaiás 2016
Atardecer no Gaiás 2016
Atardecer no Gaiás 2016
Atardecer no Gaiás 2016
Atardecer no Gaiás 2016