A ‘YAMsession’ chega ao Gaiás para promover o interese pola música entre a infancia e a mocidade galegas

Santiago de Compostela, 17 de Outubro de 2018

O poder da música para superar fronteiras culturais, sociais, xeográficas e incluso xeracionais centra do 17 ao 19 de outubro a programación da Cidade da Cultura coa celebración da YAMsession 2018, o maior encontro europeo para profesionais que traballan no sector da música dirixida ao público infantil e xuvenil. Unhas xornadas nas que preto de 560 estudantes de colexios e institutos galegos gozarán de espectáculos internacionais especialmente creados para eles, coa música como vehículo a través do que contar historias, promover o diálogo e espertar a súa creatividade.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González, foi o encargado de inaugurar hoxe a YAMsession, nun acto no que estivo acompañado do presidente de Juventudes Musicales de España, Miquel Cuenca, e do director do comité do programa Young Audicences Music (YAM), Ebbe Hoyrup. Na súa intervención, Román Rodríguez subliñou “a importancia de cultivar e adquirir hábitos culturais desde nenos, por iso desde Galicia estamos a traballar para que a lectura, as artes visuais e escénicas e, por suposto, a música, sexan coñecidas e gozadas desde a infancia”.

Neste sentido, a Cidade da Cultura impulsa cada ano unha ampla e variada programación de actividades culturais dirixidas ao público máis novo, ás que se suma agora a YAMsession. O evento, que se celebra por primeira vez en España, busca achegar as mellores producións musicais do mundo a nenos e mozos, pero tamén servir de punto de encontro a artistas, produtores, programadores e docentes interesados en crear espectáculos musicais para o público infantil e xuvenil.

Case 560 alumnos de 9 centros educativos galegos e arredor de 80 profesionais de 17 países participan estes días na YAMsession. Para os primeiros, o programa inclúe concertos de artistas de Alemaña, Austria, Francia, Bélxica, África e Suecia, moitos dos cales poderán verse por primeira vez en España. Un percorrido musical no que se mesturan a música clásica e a contemporánea, o drama e a comedia e no que tamén hai lugar para a experimentación co son.

Para o público profesional, a YAMsession é unha oportunidade para debater con expertos internacionais, xerar vínculos, intercambiar experiencias e estar ao día das últimas tendencias do sector. “Eventos coma este contribúen de maneira directa ao fortalecemento das prácticas artísticas e musicais para a nosa mocidade”, afirmou o conselleiro de Cultura e Turismo. “Artistas e profesionais focalizados na creación de novos públicos desempeñades un traballo esencial para que os máis novos poidan coñecer e gozar da música e chegar a ser tamén creadores no futuro”, concluíu.

Premios ás mellores producións do ano
Como recoñecemento a este labor esta tarde entréganse na Cidade da Cultura os YAMawards, galardóns internacionais coas que se premian as mellores producións musicais do ano destinadas ao público infantil e xuvenil. Nesta ocasión optan aos premios 11 espectáculos procedentes de 9 países europeos, seleccionados tanto pola súa calidade musical como polo seu potencial internacional e de conexión coa audiencia.

Un xurado internacional e profesional decidirá os vencedores nas catro categorías a concurso: Mellor conxunto de pequeno formato para novas audiencias, Mellor conxunto de gran formato para novas audiencias, Mellor ópera para novas audiencias e Mellor Produción do Ano. Ademais, farase entrega do Premio do Público ao espectáculo que foi máis votado pola audiencia a través da páxina web do evento.

Novas audiencias musicais
A YAMsession é un dos pilares do programa Música para Novas Audiencias (Young Audiences Music, YAM), impulsado pola organización Jeunesses Musicales International (JM International) para promover o acceso da cativada e da mocidade de todo o mundo a experiencias musicais en vivo de alta calidade, ademais de fomentar a educación e o desenvolvemento da creatividade a través da música. JM International conta con membros de máis de 70 países e organiza anualmente máis de 40.000 actividades nas que participan máis de seis millóns de persoas, sendo a YAMsession 2018 unha das citas máis sobresaíntes deste ano.

A YAMsession 2018 está organizada de maneira conxunta pola JM International, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, a Xunta de Galicia, RESEO –rede europea para a promoción da educación arredor da ópera e a danza–, Acción Cultural Española e JM España. O evento conta co apoio da Belspo –Belgian Science Policy Office– e do programa Europa Creativa da Comisión Europea, e coa colaboración de Xuventudes Musicais de Tui.

 
Inauguración YAMsession (Fotografía: Manuel G. Vicente)
Foto de grupo da YAMsession 2018