Xornada sobre innovación educativa no Gaiás

Santiago de Compostela, 08 de Novembro de 2017

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Galicia Sustentable celebran na Cidade da Cultura de Galicia o vindeiro 1 de decembro InquEDU: Falemos de Educación, unha xornada para compartir iniciativas, divulgar ideas e fomentar o debate a reflexión sobre propostas educativas innovadoras. Neste espazo, dirixido a educadores, escolares e familias, daráselle visibilidade a proxectos pedagóxicos para abordar a diversidade sexual e a cuestión de xénero na escola, ademais de iniciativas baseadas na música, nos idiomas ou no reforzo da presenza da lingua galega nas aulas.

A xornada InquEDU celebrarase no Edificio CINC do Gaiás e dividirase en dúas partes. A quenda da mañá é de carácter pechado para as rapazas e rapaces dos centros educativos gañadores do concurso escolar para impulsar as competencias orais activas ‘ComunicaTedu’; mentres que a da tarde é aberta, con asistencia de balde para todos os públicos, previa inscrición na páxina web http://inquedu.galiciasustentable.org/.

Deste xeito, os estudantes participantes da mañá, ademais de expoñer os seus respectivos proxectos gañadores, poderán coñecer da man de Mark Wiersma, mestre de idiomas e música, a ópera pop futurista que irmanda galego e inglés ‘Sira e Robot’, un achegamento lúdico e didáctico ao inglés de interese para escolares e tamén para persoas adultas. Nestas actividades pechadas tamén participa o coñecido músico Roi Casal, dentro das charlas denominadas ‘Edumotiva’.

A diversidade sexual nas aulas

O programa en aberto da tarde comeza coa presentación do evento por parte de Paco Castillo, docente e investigador, que ademais tirará proveito desta xornada para afondar na paisaxe coma obxecto de ensino e aprendizaxe. Seguiralle a charla de Cristina Palacios que leva por título ‘Escola sen armarios’. Esta traballadora social e docente abordará como transformar as escolas para que sexan espazos seguros cara a diversidade sexual. A continuación Lola Ferreiro Díaz, doutora en medicina e especialista en educación, saúde e perspectiva feminina, abordará a coeducación global na familia e na escola.

A variada programación da xornada da tarde permitirá coñecer o “Proxecto educativo Semente Compostela” da man do educador e activista Sechu Sende, que virá a amosar os resultados obtidos con esta iniciativa, impulsada hai cinco anos por unha comunidade de familias e persoas colaboradoras co obxecto de reforzar a galeguización das xeracións máis novas.

Tras o faladoiro “A ilusión dun cambio”, a cargo de Laura Adela Fernández Blanco, profesora do CPI de Atios, Valdoviño, e da intervención de Juan Sanmartín para contar en que consiste o ‘Flipped Classroom’, a xornada clausurase co obradoiro de divulgación, con alta dose de show didáctico, de Vicente Mohedano que forma parte do proxecto Peripeciencia.

O programa InquEDU tamén conta como actividade complementaria as charlas e presentacións, coa exposición ‘Somos paisaxe’, cedida para este día pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e que poderá verse ao longo de toda a xornada no edificio CINC.

Na páxina web da Cidade da Cultura –www.cidadedacultura.gal– cóntase con toda a información polo miúdo sobre o programa da xornada e tamén sobre onde poder facer a inscrición nas charlas e actividades abertas ao público.

 
 
pdf 344.27 KB