Victor Manuel e Rosa Cedrón arroupan a Emilio Rúa no Gaiás, no inicio da xira ‘Duetos’

Santiago de Compostela, 24 de Setembro de 2018

Víctor Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastelo estiveron o pasado venres, día 21,  na Cidade da Cultura para arroupar a Emilio Rúa no primeiro concerto de presentación de Duetos, o seu último disco. Foi unha actuación especial na que se puido gozar en vivo das voces de tres dos artistas que participaron no álbum, e que cantarán en galego a dúo co músico ourensán.

Duetos é un disco no que está moi presente o amor, con baladas de aire pop, pero tamén as vivencias persoais de Emilio Rúa e os ritmos propios da música tradicional galega. No álbum colaboran artistas cunha traxectoria recoñecida dentro da música española actual, interpretando tanto temas propios como composicións do cantautor galego. Para algúns, como Pablo Milanés, participar neste disco foi tamén a primeira oportunidade de cantar en lingua galega.

Este concerto, programado coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), serviu igualmente de despedida ás actividades do Verán no Gaiás, a programación da Cidade da Cultura para os meses estivais. Entre xuño e setembro desenvolvéronse un total de 67 actividades de lecer e culturais, pensadas para todos os públicos.

‘Duetos’

Duetos é o oitavo álbum de Emilio Rúa. Un disco diferente froito de tres anos de traballo e da colaboración con artistas recoñecidos a nivel nacional e internacional. Ademais de Víctor, Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastelo, que estiveron co músico ourensán no Gaiás, participan no álbum referentes como Pablo Milanés, Rozalén, Carlos Goñi –líder de Revólver–, Mercedes Ferrer, Javier Ojeda –cantante de Danza Invisible–, Soledad Giménez –Presuntos Implicados– ou Josele Santiago –Los Enemigos–.

Con Duetos, o artista ourensán espera colmar as expectativas dos seus seguidores e darse a coñecer tamén a novos públicos. A actuación comezou ás 21 horas no Museo Centro Gaiás.

Emilio Rúa, natural das Vendas da Barreira (Ourense, 1976), leva dedicado á música desde os sete anos e conta cunha ampla traxectoria profesional como intérprete e compositor. En solitario ou acompañado da súa banda, levou a música en galego por múltiples lugares de Galicia e España, pero tamén a Londres, Manchester, São Paulo ou Buenos Aires. Así mesmo, é colaborador habitual en proxectos audiovisuais galegos de cinema e televisión.