'Vai de cine’ no Gaiás

Santiago de Compostela, 08 de Decembro de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia celebrará, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) da Agadic, o ciclo Vai de cine,  nunha clara aposta pola produción audiovisual galega máis recente e tamén máis premiada coa proxección os días 15, 16 e 17 de decembro das fitas ‘El desconocido’, ‘María y los demás’ y ‘Mimosas’.

Trátase da proxección dun filme por día cos que se reflicten temáticas moi diferentes, que amosan, deste xeito, a variedade de xéneros nos que traballa o audiovisual galego. No entanto, teñen todas en común que son longametraxes que contan no seu palmarés con prestixiosos galardóns tantos nos premios Mestre Mateo e Goya —como é o caso de ‘El desconocido’ e ‘María y los demás’— e tamén en certames internacionais como sucede con ‘Mimosas’, Gran Premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes e cuxo director, o galego Óliver Laxe, está entre os galardoados este ano cos Premios da Cultura Galega.

A primeira fita en proxectarse o venres 15 na Cidade da Cultura será El desconocido, ópera prima do galego Dani de la Torre, que ten como protagonista tamén ao galego Luís Tosar. Esta fita, de xénero acción e rodada nos exteriores da cidade da Coruña, obtivo 12 galardóns dos Premios do Audiovisual Galego Mestre Mateo e oito nominacións e dúas estatuíñas nos Goya.

O sábado será a quenda de María y los demás. Trátase da primeira longametraxe da catalá Nely Reguera e rodada integramente en Galicia en 2015, entre A Coruña, Culleredo e Carballo. A película foi a máis premiada na gala da XI edición dos Premios Mestre Mateo, ao levarse 13 premios aos que optaba, entre eles ao mellor guión, en cuxo equipo estaba o escritor galego Diego Ameixeiras.

Pechará o ciclo ‘Vai de cine’ o filme Mimosas, o wéstern místico do coruñés Óliver Laxe, con multitude de recoñecementos nos circuítos internacionais de cinema independente, xa que foi premiada nos festivais de Sevilla, Cannes e O Cairo. Precisamente, o seu director recibirá na Cidade da Cultura de Galicia, o vindeiro martes, día 12, o Premio da Cultura Galega 2017 na categoría Audiovisual.

Todas as fitas proxectaranse ás 20 horas no Edificio CINC do Gaiás e a entrada é de 1 euro. Estarán á venda a partir do luns día 11 de decembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, nos puntos físicos de Ataquilla e en www.ataquilla.com e no teléfono 902 504 500, cos gastos de xestión correspondentes.