Un cento de estudantes fórmanse no Gaiás en retrato fotográfico e o seu material será exposto no Día dos Museos

Santiago de Compostela, 08 de Maio de 2018

A Cidade da Cultura de Galicia imparte hoxe e mañá un obradoiro de retrato fotográfico, No museo, pola cara,  dirixido a alumnado de 3º da ESO ata 2º Bacharelato sobre retrato fotográfico co gallo da exposición sobre Baldomero Pestana, que se inaugurou o pasado 30 de abril e que rescata a obra deste fotógrafo de Castroverde (Lugo) que chegou a ser o gran retratista da cultura hispanoamericana de metade do século XX.

O obradoiro, que conta con 100 prazas que foron esgotadas de inmediato, está impartido por Tamara de la Fuente, directora de arte e creativa audiovisual, que colabora en prestixiosos festivais galegos como PlayDoc, Carballo Interplay e Curtocircuíto. Como fotógrafa de prensa e medios especializados os seus traballos teñen sido publicados en revistas como Rockdelux ou Chiers du Cinema, entre moitos outros.

Esta actividade nace como un xeito de canalizar e darlle unha certa tinguidura profesional a esa compulsión actual por fotografar e fotografarse das xeracións máis novas, ás que vai dirixido este obradoiro. Deste xeito, a través deste obradoiro preténdese incidir e recuperar o forte valor expresivo do retrato, un dos xéneros artísticos máis relevantes da historia cultural occidental e tamén un xénero con peso na actual exposición no Museo Centro Gaiás, Baldomero Pestana, a verdade entre as mans.

Durante estes dous días, en catro quendas de 25 participantes, os estudantes están convidados a experimentar con diferentes tipos de retratos, tomando como punto de partida, precisamente, os grandes fotógrafos contemporáneos, en especial a Baldomero Pestana, galego de orixe humilde que chegou a retratar a Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa, Man Ray, Jorge Luis Borges ou ao famoso trompetista de jazz Gillespie. A partir deste e doutro referentes da fotografía, os rapaces e rapazas farán retratos deles mesmos, a un compañeiro ou compañeira e tamén á persoa de máis idade da súa familia.

Dentro do programa do Día dos Museos

As fotografías que saian como resultado deste obradoiro serán exhibidas na exposición No museo, pola cara que se inaugurará o vindeiro 18 de maio, facéndoa coincidir co Día dos Museos, xa que forma parte da programación deste festexo que se estende tamén ata o sábado día 19 de maio. Ademais das fotografías proxectarase unha breve peza de vídeo, a modo de making of, do proceso creativo destes dous días de traballo. A exposición poderá verse no Andar 0 do Museo Centro Gaiás ata o 2 de setembro, facéndoa coincidir co período da mostra sobre Baldomero Pestana no Museo Centro Gaiás.

Ademais desta exposición, os festexos do Día dos Museos complétase cunha amplo programa no que destacan unha variada oferta de visitas comentadas en diferentes formatos: familiares, express, online, nocturnas... así ata 13 tipos diferentes. Estas actividades xunto ao resto da programación están dispoñibles na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia: www.cidadedacultura.gal.